publicidade hoxe

Concello de Pontedeume e Xunta marcan a folla de ruta para a aprobación definitiva do PXOM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontedeume
A-
A+
Encarnación Rivas na reunión co alcalde de Pontedeume. Foto: C. Paz

Encarnación Rivas na reunión co alcalde de Pontedeume. Foto: C. Paz

A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, mantivo esta mañá un encontro co alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro, para analizar a Orde de non aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (emitida o pasado mes de decembro), co fin de aproximar as correccións precisas que deben introducirse no documento de planeamento e dar cumprimento a dita Orde.

O encontro, ao que tamén asistiron os portavoces dos outros dous grupos que forman a Corporación Municipal, Javier Crespo Romeo (Partido Popular) e Antonio Salvadores Regueiro (BNG), serviu para marcar a folla de ruta que seguirá o PXOM cara a súa vindeira aprobación definitiva.

Neste senso, os técnicos do equipo redactor do PXOM e os do departamento autonómico, resolveron as dúbidas e consensuaron os criterios técnicos que lle serán de aplicación ao documento, cando sexa novamente remitido a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo cara a súa aprobación definitiva. En ambos casos, coincidiron en que se trata de cuestións menores, xa que a maior parte dos cambios obedecen a erros gráficos ou de documentación, o que permitirá dispoñer nun prazo de dúas semanas dun documento practicamente pechado.

Os prazos que manexa o alcalde, pasan por aproveitar as vindeiras dúas semanas para dispoñer dun documento o máis aproximado posible ao acordado no transcurso da reunión desta mañá, co fin de que antes de que remate o mes manter un novo encontro técnico coa Secretaría Xeral para avaliar as correccións incorporadas ao documento.

Unha vez superado este trámite, o Plan Xeral de Ordenación Municipal xa estaría en disposición de ser aprobado provisionalmente polo Pleno municipal e a continuación remitilo á Xunta para a súa aprobación definitiva.

Situación actual
A aprobación do PXOM de Pontedeume porá fin a unhas normas subsidiarias de planeamento obsoletas vixentes dende 1986. A achega económica da Xunta para financiar a redacción do PXOM, que se iniciou en marzo de 2004, ascende a 143.000 euros.

13 de xaneiro de 2016 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.