Centos de cativos aplaudiron o programa de música infantil da Deputación da Coruña
Centos de nenos e nenas asistiron aos cinco concertos do ciclo “A Cantar con María Fumaça”, promovido pola Deputación da Coruña que se pechou o pasado sábado en Negreira. A iniciativa, da área de Normalización Lingüística, quere achegar as crianzas a nosa lingua a través da música, filosofía que inspira o recén presentado concurso “Quero cantar”, o primeiro destinado ao público infantil.
Sada, Dumbría, Miño e Vimianzo foron os escenarios do programa “A Cantar con María Fumaça” que se pechou o pasado 9 de xaneiro cun impresionante concerto en Negreira no que centos de nenos e nenas encheron o Centro Sociocultural da localidade nunha tarde chuviosa que non por iso deixou de ser festiva.
A vicepresidenta da Deputación e responsábel das áreas de Cultura e Normalización Lingüística, Goretti Sanmartín, asistiu ao concerto de peche e presenciou o entusiasmo que o público infantil mostrou coas cancións de Uxía e a súa particular familia do proxecto María Fumaça. “Alegría e enerxía é o que se contaxiou nestes concertos nunha iniciativa que, ao noso ver, contribúe de maneira especial ao proceso de normalización da nosa lingua”, sinalou Goretti Sanmartín ao tempo que destacou o compromiso da Deputación da Coruña na promoción e difusión da música en galego con destino ao público infantil que, ao seu ver “está a atravesar un momento de esplendor, con iniciativas como as de Uxía tan necesarias para poñer nenos e nenas a cantaren en galego”.
Goretti Sanmartín destacou a urxencia de intervir con proxectos lúdicos e participativos como este nunha franxa de idade “de especial relevancia para a recuperación do uso da nosa lingua e contribuír a súa normalización”.
“A cantar con María Fumaça” trátase dun proxecto musical que, como destacan desde o equipo capitaneado pola cantante Uxía, celebra a vida e convida á alegría na nosa lingua e que contaxia ilusión e entusiasmo de maneira especial entre nenas e nenos. O acordeón de Santiago Cribeiro, a guitarra e voz de Héctor Lorenzo ademais de moitas máis amigas e amigos acompañan Uxía nun espectáculo que sabe de eliminar barreiras e traballar por un mundo mellor en que as diferencias non sexan motivo de discriminacións.











