Carmela Silva afirma que se falará do candidato á Xunta cando haxa primarias
A presidenta da Deputación de Pontevedra, e tenente de alcalde de Vigo, Carmela Silva, evitou este xoves pronunciarse sobre o candidato ou candidata do PSdeG á Presidencia da Xunta, e remitiuse á convocatoria de eleccións primarias, porque o seu partido non elixe “a dedo” aos seus candidatos.
Así respondeu a unha pregunta sobre se apoia a José Ramón Gómez Besteiro, no coloquio posterior á súa intervención nun acto organizado por Nova Economía Forum. “Hai que respectar moito á xente, e a xente está preocupada por que non chega a fin de mes, non pode pagar a luz ou o aluguer, ou porque non pode comprar comida”, afirmado.
“Os políticos temos que deixar de falar de nós mesmos xa, inmediatamente. Os problemas orgánicos non interesan a ninguén, a min tampouco”, engadiu, e subliñou que “á xente non lle interesa se se presenta Feijóo ou non se presenta, ou o que fan as mareas'”. “Falarase do candidato socialista cando haxa primarias, porque no meu partido hai primarias, non eliximos candidatos a dedo”, sentenciou.
Cuestionada sobre o seu futuro político e a súa posible proxección cara a outras responsabilidades ou cargos, incluída unha eventual candidatura á presidencia da Xunta, Carmela Silva descartouse para aspirar a outras metas que non sexan continuar o seu labor na Deputación de Pontevedra











