Caramuxo Teatro recupera con ‘Pavillón Lino’ a memoria do mítico espazo coruñés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendario
A-
A+

A compañía Caramuxo Teatro estrea este domingo 31 ás 18:00 horas ‘Pavillón Lino’, un espectáculo familiar especialmente indicado para nenos maiores de 5 anos que rende homenaxe ao espazo de ocio que a comezos do século XX era parte da vida cultural da cidade herculina.

Introducen a historia tres vellos personaxes que no seu día traballaron interpretando variados números no Pavillón Lino. Para dar vida a estes tres personaxes os actores válense de máscaras que lle axudan a outorgarlle á interpretación a corporeidade necesaria. Así, mentres os tres vellos amigos recordan a súa xuventude, vemos desfilar polo escenario multitude de artistas ‘realizamos ata 18 números con cambios de personaxe a un ritmos frenético: unha domadora de pulgas, autómatas, monicreques de cachiporra’ afirma Juan Rodríguez, alma mater xunto a Laura Sarasola da compañía.

O actor Xosé Vilarelle completa o reparto desta proposta que trata de recuperar a memoria do espazo que pechou definitivamente as súas portas en 1919 tras un incendio. Lino Pérez foi o artífice deste edificio referente da arquitectura modernista, comezou vendendo xornais na rúa para despois pasar a rexentar unha librería na rúa Real, co Pavillón Lino converteuse no primeiro empresario de espectáculos da Coruña.

Na proposta de Caramuxo Teatro ten unha especial importancia o plano estético para o que Laura e Juan se apoiaron no traballo de profesionais como Suso Jalda que asina o deseño de iluminación, Carlos Comendador –arquitecto e ilustrador galego encargado de deseñar a escenografía -, Soledad Gómez no deseño e realización do vestiario e Tigre de Papel, empresa coruñesa que elaborou as máscaras que dan vida aos tres vellos protagonistas.

As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.ataquilla.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na Sede AFundación A Coruña, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado de 9.00 a 21.00 horas. Ademais no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche. 

27 de xaneiro de 2016 | 14:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.