Caballero móstrase satisfeito pola proposta de modificar a lei do chan para desbloquear proxectos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mostrou este venres a súa “satisfacción” pola proposta feita pública polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de modificar a lei do chan (actualmente en tramitación na Cámara galega) para poder desenvolver ámbitos urbanísticos na cidade necesarios pola urxencia ou polo interese público, e eludir así as consecuencias da anulación do Plan Xeral de Ordenación Municipal por parte do Tribunal Supremo.

“Se esta proposta se confirma, é unha boa cooperación e será moi conveniente para a cidade”, expresou o rexedor olívico a través dun comunicado, no que recoñece que esta alternativa “axudará a desbloquear temas fundamentais para Vigo nun curto prazo de tempo, minimizando así os efectos colaterais da anulación do Plan”.

Caballero avanzou que proporá aos grupos parlamentarios que apoien esta medida, e confirmou que, en todo caso, o goberno municipal continúa coa tramitación do novo plan urbanístico, que manterá a filosofía do plan anulado, coas adaptacións e modificacións lexislativas necesarias.

“Confiamos en contar coa cooperación doutras administracións para deixar practicamente reducidos a cero os efectos colaterais negativos da anulación do Plan por parte do Tribunal Supremo”, incidiu o alcalde de Vigo.

8 de xaneiro de 2016 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.