As vítimas do Alvia acusan ao xuíz de arbitrariedade no seu “último cartucho” para evitar a inxustiza
A defensa dunha das asociacións de afectados polo accidente do tren Alvia en Angrois en 2013 presentou este venres o recurso de apelación, que as vítimas ven como un “último cartucho” antes do peche definitivo da instrución.
No escrito, a representación legal da Plataforma Vítimas Alvia 04155 expón as súas alegacións á desestimación dun anterior recurso por parte do xuíz, ao que acusa de “escurantismo” e “arbitrariedade” no seu xeito de proceder.
Nun texto moi duro, este colectivo sostén que “non resulta crible ou factible que nin unha soa das dilixencias solicitadas por varias acusacións, a defensa e responsables civís, ningunha poida ser considerada polo xuíz instrutor como pertinente”.
Entre outras críticas, o recurso esgrime que “dá a sensación de querer pechar o antes posible a instrución (…) sen querer saber máis” e ve que o rexeitamento de todas as probas “máis ben obedece (…) ao escurantismo co que dende todos os órganos da administración se veu tratando o tema”.
Así, cun profundo ánimo de “indefensión”, o documento das vítimas expón que “parece que a ninguén lle interesa a verdade” e que “o máis duro é poder comprobar que nin -interésalle- á xustiza, a cal debería ser independente e actuar buscando a verdade sen ningún tipo de condicionamento”.
Nesta parte do escrito, a xeito de introdución, os afectados apelan a unha actuación xudicial “sen medo a pensar qué responsabilidades poidan ter as empresas implicadas”, e tamén “sen medo a pensar que a práctica das probas solicitadas poida levar consigo consigo algunha responsabilidade política”.
METRO DE VALENCIA E EUROPA
Tras referirse a xurisprudencia relativa ás causas de indefensión, menciona o caso do accidente do Metro de Valencia, para evidenciar “certas similitudes”, tanto nos motivos coma no desenvolvemento da instrución, e constata que naquela comunidade “se conseguiu que continúe a instrución practicándose novas dilixencias”.
Así, volve reclamar que se chame a declarar aos que eran presidentes de Adif, Renfe e a CIAF no momento do sinistro ferroviario na Grandeira: Gonzalo Ferré, Julio Gómez-Pomar e Vicente Rallo, respectivamente, ademais de solicitar de novo a comparecencia de expertos europeos na materia (Karel Vinck, Christopher Carr, Jean Marie Dechamps e Pio Guido).
No ámbito europeo, trae a colación a serie de reunións que vítimas mantiveron en Bruxelas con responsables no campo da seguridade ferroviaria, e dá a coñecer que “se comprometeron a emitir un informe entre os meses de febreiro e marzo” do presente ano.
“Unha vez que obre no noso poder, será achegado á causa”, advirte, e enumera os aspectos que tocará: ausencia de avaliación de riscos, de medidas de atenuación, de probas de cualificación do maquinista e a información completa sobre a homologación do tren. “Parece que se quere ocultar ao resto do mundo e en particular ás distintas comisións e organismos europeos as circunstancias do accidente”, denuncia.
“GRAVES CONSECUENCIAS A ADIF E RENFE”
Incidindo en que a realización de novas probas “podería traer graves consecuencias tanto a Adif coma a Renfe”, o recurso das vítimas recorda tamén a petición de declaración de catro representantes de Renfe que tiveron coñecemento do aviso dun xefe de maquinistas.
Cualifica de “importante” que testifique Antonio Lanchares, pois o fixo na subcomisión de Fomento e tamén esixe que Adif e Renfe certifiquen os sistemas de seguridade “que actualmente ten a liña”.
Na súa argumentación xurídica, o escrito subliña que “só o rexeitamento da proba necesaria ten capacidade de lesionar o dereito fundamental á proba con vulneración do dereito constitucional á utilización dos medios de proba pertinentes”.
“Algo falla na instrución”, avisa, cando “case todas as partes comparecidas consideran que deben practicarse máis dilixencias de proba para o total esclarecemento dos feitos”.
“DÁ MÁIS CREDIBILIDADE A UN PERITO QUE A OUTRO”
Ademais, e xa nun segundo apartado, dedicado aos informes periciais, cuestiona que o maxistrado “de xeito inxustificado dá máis credibilidade a un perito que a outro”, e risca de “incomprensible” que se negue “sistematicamente” a que o resto ratifiquen os seus informes.
Así, atribúe “arbitrariedade” e “inxustiza” ao feito de quedar cos tres informes de peritos designados xudicialmente, pois “debería escoitar a todos” toda vez que admite “discrepancias”.
Como sempre mantiveron, a inexistencia de ERTMS nos últimos quilómetros da liña, para as vítimas, é “motivo máis que suficiente para imputar ou investigar as persoas que acordaron o cambio proxecto”. Ao igual que a “limitación de seguridade” que supuxo desconectar o sistema embarcado “sen facer unha avaliación de riscos” e “por motivos comerciais”.
Non obstante, a maiores, o recurso parafrasea a un dos peritos xudiciais que recoñeceu que “sen dúbida é máis seguro o escenario considerado no proxecto orixinal” para aseverar que con iso “sería máis que suficiente para chamar a declarar en calidade de imputados a todos e cada un dos responsables que decidiron o cambio”.
“ESCUSAS” E AFIRMACIÓNS “SUMAMENTE GRAVES”
Interpreta, así mesmo, como unha “escusa” que “non vale” que o xuíz afirme que o tren circulaba co sistema Asfa, ao censurar que “non estaba ben configurado” e de feito o xefe de maquinistas que deu o aviso “o fixo saber”. Constata que “tras o accidente se instalou unha baliza que evitase o descarrilamento”. “Logo de nada serve o Asfa se está mal configurada”, apostila.
Sobre os traxectos previos realizados polo maquinista, o avogado das vítimas indica neste punto que “non é certo” que fixese 59 antes solo co sistema Asfa, “xa que só houbo 18” co ERTMS activo. E parécelle “sumamente grave que ao xuíz instrutor lle pareza tolerable que de 36 viaxes co S-730 producírase un accidente de semellante magnitude”.
Por outra banda, reivindica que “outro motivo máis para imputar a quen autorizou a desconexión” do sistema é o feito de que a homologación do material rodante se emitiu para manter a súa eficacia “en tanto non se modifiquen as características” en materia de seguridade, fiabilidade, etcétera. “Segundo isto, e tras a desconexión do ERTMS, a unidade do S-730 non estaba autorizada a circular”, sentenza.
Igualmente, sostén que “parece evidente”, polo dito por un dos peritos xudiciais, que “nunca se fixeron probas co S-730 entrando en Santiago pola vía 1, en sentido de Ourense a Santiago, tal e como se produciu o accidente”.
Xa por último, a defensa das vítimas reafírmase en considerar que houbo tamén un delito contra os dereitos dos traballadores -pois se lles “privou” do sistema de seguridade- e tamén de publicidade enganosa e estafa -polo mesmo motivo, e co desprazamento patrimonial visualizado no importe do billete pagado-.
Tamén insiste no exceso de peso dos vagóns, para o que achega un DVD cun resumo “da parte máis técnica” do documental ‘Frankenstein 04155’.
VISIÓN DO TSXG
Precisamente sobre o malestar das vítimas preguntóuselle este venres ao presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas, quen rexeitou facer comentarios ao respecto.
Acerca dos prazos para os recursos, limitouse a dicir que “os fixa a lei” e que, polo tanto, as partes saben o tempo co que contan para remitir os seus escritos á Audiencia.











