publicidade hoxe

As condicións do pavillón da Sangriña deixan fóra A Guarda como sede da Copa da Raíña de Balonmán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+

O alcalde da Guarda mantivo, dende o pasado mes de decembro, contactos coa Federación Galega de Balonmán e a alcaldesa de Porriño para propoñer que a celebración da copa da Raíña tivese como sede os concellos da Guarda e Porriño.

O concello da Guarda ofertou a súa colaboración en termos similares aos do ano 2013. Daquela a competición tivo como sedes os dous concellos e a participación económica da Guarda foi de 6000 €.

Fai un días aparecía publicado nos medios de comunicación que a copa da Raíña de balonmán tería como sede exclusiva o concello de Porriño. O alcalde da Guarda púxose en contacto cos presidentes das Federacións Galega e Española para coñecer os pormenores desta decisión.

O presidente da Federación Española de Balonmán, Francisco Blázquez, comunicou ao alcalde, Antonio Lomba, que na Federación, coñecedores da traxectoria do Mecalia-Atlético Guardés e da gran afección do Pobo ao balonmán feminino, estaban interesados en que A Guarda fora sede da competición, pero que as esixencias impostas por televisión española, para a retransmisión dos partidos por teledeporte, en canto ao escaso aforo do pavillón e ao limitado espazo para as cámaras, foron determinantes para descartar a Vila Guardesa como sede da competición.

Dende o concello da Guarda lamentan non dispoñer dun pavillón municipal que cumpra os requisitos que se esixen para un evento deste tipo. Os responsables municipais queren chamar a atención doutras administracións como a Deputación de Pontevedra, a Secretaría Xeral para o Deporte e o Consello Superior de Deportes, sobre a necesidade que ten A Guarda dun pavillón que cumpra coas demandas que, ademais do Mecália-Atlético Guardés, teñen feito outros clubs, asociacións, e afeccionados da localidade.

8 de xaneiro de 2016 | 13:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.