publicidade hoxe

Ames estrea o novo programa de conciliación “Entroido Lúdico” que se desenvolverá do 8 ao 10 de febreiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Por primeira vez por estas datas o Concello de Ames pon en marcha o programa de conciliación Entroido Lúdico. O prazo de inscrición ábrese hoxe, día 25 de xaneiro, e péchase o venres desta mesma semana, día 29 de xaneiro, ambos días incluídos. Coa creación deste novo servizo o goberno municipal dá cumprimento ao compromiso adquirido no pleno ordinario do mes de agosto, celebrado o pasado 3 de setembro de 2015.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destaca que “Ames seguirá a ser un referente nos programa de conciliación en Galicia. Con esta iniciativa cumprimos o compromiso adoptado co pleno da corporación e cos veciños/as de Ames. A través deste programa preténdese cubrir as necesidades de conciliación das familias amesás durante as vacacións escolares de Entroido”.

A inscrición pódese realizar nos rexistros do Concello; no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou na Oficina Municipal do Milladoiro. Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.

O Entroido Lúdico terá lugar os días 8, 9 e 10 de febreiro e desenvolverase no CEIP da Maía, en Bertamiráns, e no EEI do Milladoiro. Este programa de conciliación únese así aos xa ofertados de xeito regular ao longo do ano: o Nadal lúdico, cuxa derradeira edición remataba o día 5 de xaneiro deste ano, o Setembro lúdico, o Xuño lúdico e a Primavera lúdica, que se suman a outras iniciativas de conciliación como a Escola de Verán.

Esta iniciativa parte do Concello para facilitar á poboación amesá, composta por numerosas familias con nenos e nenas pequenos aos que se dirixen estes programas e que non cesan de medrar, a compatibilidade da vida laboral co coidado dos máis pequenos. Estes programas (os lúdicos e a Escola de Verán) están dirixidos aos nenos e nenas escolarizados no 2º ciclo de Educación Infantil e en Educación Primaria.

25 de xaneiro de 2016 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.