Ames coordinará a través dunha Mesa Local as accións contra a violencia de xénero
O Ministerio de Sanidade, Seguridade Social e Igualdade publicou recentemente información acerca das vítimas de violencia de xénero ao longo de 2015. Galicia, onde se rexistraron sete homicidios, é a terceira comunidade cun maior número de mulleres asasinadas. Nas últimas décadas o esforzo en combater a desigualdade e erradicar a violencia de xénero traduciuse na promulgación de leis e na creación de institucións, encamiñadas a educar, acompañar ás vítimas e denunciar as desigualdades e os malos tratos. O Centro de Información das Mulleres (CIM) do Concello de Ames é un exemplo deste tipo de institucións.
O CIM é un organismo creado para ofrecer ás mulleres de Ames, así como dos concellos adxacentes que carezan deste servizo, asesoramento e atención integral. Os seus responsables achéganlle ás mulleres servizos de asistencia psicolóxica, un arquivo de recursos en materia de igualdade de xénero ou información sobre os recursos dispoñibles encamiñados á consecución da igualdade dentro do ámbito de acción do Concello de Ames. Dende o CIM tamén se colabora e se coordina con outros organismos ou entidades como pode ser o Centro de Recuperación Integral para mulleres víctimas de violencia de xénero (CRI), Vagalume,… Ademais o CIM tamén apoia outras iniciativas como á fundación e xestión das asociacións de mulleres.
Dende a Concellería de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade considéranse, á vista das cifras publicadas polo Ministerio de Sanidade, insuficientes as medidas tomadas polo Concello para combater a desigualdade. Tras analizar as diversas institucións e organismos que, dende distintos ámbitos, tratan de erradicar a violencia de xénero, chegouse á conclusión de que a coordinación é un factor determinante para unha mellor eficacia na prevención e detección dos casos, así como para optimizar o acceso aos recursos e servizos por parte das mulleres. Como sinala a concelleira de Sanidade, Luísa Feijóo, coordinación e colaboración son “fundamentais para unha atención máis áxil, eficaz e eficiente ás mulleres que ven vulnerados os seus dereitos por mor da violencia”.
Para solucionalo decidiuse crear, dende a Administración local, a Mesa Local de Coordinación Institucional contra a Violencia Machista. Nela estarán representados todos os ámbitos implicados directa ou indirectamente na loita contra a violencia de xénero.
Entre as funcións da Mesa están a posta en marcha dun protocolo de actuacións, a determinación dos criterios a seguir para a detección de casos de violencia de xénero no ámbito local, acordar os criterios comúns para a atención destes mesmos casos, identificar as situacións de posible descoordinación e propoñer métodos para subsanalas, poñer en común e avaliar os datos recollidos sobre violencia de xénero en cada ámbito de actuación. Luísa Feijóo engadiu que, desta forma, o Concello “seguirá de preto as liñas de actuación a seguir” prestando especial atención “as estratexias de sensibilización e formación dende as idades máis temperás, xa que a educación en igualdade e para a igualdade é fundamental”.
A Mesa será presidida polo propio Alcalde de Ames ou por aquel concelleiro ou concelleira no que delegue e composta por persoal do CIM, persoal dos servizos sociais municipais, persoal das forzas e corpos de seguridade, dos centros educativos, centros de saúde, así como doutras institucións.











