Alfonso Rueda subliña que Besteiro estaba a desexar declarar ata o día antes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
Europa Press

O vicepresidente da Xunta e secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, reiterou que “respecta” que o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, se acollese ao seu dereito a non prestar declaración ante a instrutora do caso do Garañón, Pilar de Lara, se ben subliñou que “ata o día antes estaba a desexar” facelo.

Besteiro compareceu este martes no xulgado, onde optou por non declarar e se mostrou crítico coa decisión da xuíza de non aceptar o aprazamento do seu testemuño cando os seus avogados principais (Cándido Conde-Pumpido Varela e Javier Sánchez-Vera) atopábanse nun xuízo en Málaga.

O socialista acudiu á cita fixada pola xuíza xunto cunha avogada do despacho dos seus letrados, en calidade de substituta. Non obstante, no interior da sala renunciou aos seus servizos, de modo que De Lara lle ofreceu un avogado da quenda de oficio, ao que tamén se negou Besteiro.

Rueda, quen se desprazou a Vilalba (Lugo) para entregar un novo equipamento destinado a agrupacións de Protección Civil, manifestouse, tras ser preguntado ao respecto, na mesma liña que na pasada xornada e remarcou que hai que respectar a súa decisión”.

Iso si, o vicepresidente subliñou que “ata o día anterior estaba a desexar declarar, pero finalmente decidiu non o facer”. Engadiu que, “se hai que dar algunha explicación”, corresponde dala ao líder socialista, ao tempo que, para analizar a situación actual de Besteiro, se remitiu “ás declaracións” dos dirixentes do propio partido.

SOBRE O LIDERADO DE BESTEIRO

Rueda recordou, así, que na pasada xornada, os presidentes das deputacións da Coruña, Valentín González, e Lugo, Darío Campos, avalaron “o liderado” de Besteiro, mentres que a titular da Deputación pontevedresa, Carmela Silva, próxima ao rexedor vigués, Abel Caballero, evitou “expresamente” facelo.

“As decisións dentro do seu propio partido respecto do seu propio liderado tamén requirían moitas explicacións que supoño que el pedirá aos seus compañeiros. Supoño, vaia, non o sei”, resolveu.

13 de xaneiro de 2016 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.