Alcaldes e edís do BNG da área de Vigo apostan por debater o futuro de cara ás autonómicas con tranquilidade
Alcaldes e concelleiros do Bloque Nacionalista Galego (BNG) na área metropolitana de Vigo trasladaron a súa aposta por debater “con tranquilidade” o futuro da formación e posibles confluencias de cara ás próximas eleccións autonómicas.
Ao ser preguntados por esta cuestión durante unha rolda de prensa en Vigo, os edís evitaron concretar as súas respectivas opinións, e chamaron a esperar para pronunciarse sobre as posibilidades da organización.
O responsable comarcal do BNG en Vigo, Manuel Caride, manifestou que será na asemblea do próximo 28 de febreiro cando se debata non só posibles formas de confluencia, senón cando se abordarán tamén cuestións organizativas e de estilo de traballo.
“Temos que ver como podemos resintonizar con esa parte da sociedade que sempre tivo a súa vista posta no BNG, ese é o principal traballo que temos por diante”, asegurou o voceiro, que chamou a buscar un escenario no que “o BNG sexa ilusionante e motivante” para a sociedade”.











