AGE recorrerá a concesión dunha prórroga apresurada a Ence
O vicevoceiro de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Antón Sánchez, anunciou que o seu grupo recorrerá por vía administrativa “a cacicada do PP” de conceder de forma “apresurada”, por parte dun Goberno en funcións, a prórroga a Ence para seguir na ría de Pontevedra durante 60 anos máis.
A través dun comunicado, a coalición de Anova e Esquerda Unida incidiu en que esta manobra evidencia a “conivencia do PP coa empresa” e supón “a confirmación” do camiño iniciado dende a reforma da Lei de Costas, feita “á medida” para a permanencia da pastera.
Neste sentido, Sánchez remarcou que “as portas xiratorias do PP con Ence son de sobra coñecidas”, en alusión a cargos deste partido con asento no consello de administración da empresa, e censurou “a sensación de impunidade que parecen sentir os dirixentes popular”.
En canto á Xunta, AGE acusou o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, de pretender “colocarse de perfil ante un asunto fundamental para Galicia”, no que está a “incumprir a súa palabra”. “Aposta claramente polos beneficios empresariais”, reprochoulle.
E, tras anunciar que AGE recorrerá por vía administrativa esta decisión e que pedirá no Parlamento que se revogue, recordou que “aínda quedan pendentes recursos” no ámbito xudicial” e o seu grupo “seguirá apoiando a loita social” contra a permanencia de Ence na ría de Pontevedra”.











