AGE censura o pacto Feijóo-Caballero na lei do Solo e establece condicións para apoiar cambios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

O vicevoceiro de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Antón Sánchez, cualificou de “improvisación e chafallada” a nova lei do chan que, sen rematar siquiera o trámite de relatorio, xa necesita ser modificada para resolver o problema do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo, anulado polo Tribunal Supremo. Neste sentido, censurou o “pacto Feijóo-Caballero” para retocar esta normativa e puxo condicións para apoiar os cambios.

En rolda de prensa, Antón Sánchez asegurou que o seu grupo está disposto a resolver os problemas puntuais, pero advertiu de que a emenda que a Xunta, a través do Grupo do PPdeG, quere introducir na normativa, constitúe unha “fuxida cara a adiante” e podería ocasionar no futuro novos problemas urbanísticos como o do municipio de Barreiros, na Mariña lucense.

Concretamente, advertiu de que a emenda, que prevé que se poidan impulsar proxectos declarados de interese extraordinario se hai un pacto entre a Xunta e os concellos, “furtaría” trámites como a participación cidadá, a través do período de alegacións, así como evítase a avaliación ambiental.

Precisamente, recordou o deputado de AGE, o plan xeral de Vigo foi anulado pola xustiza por carecer da avaliación ambiental preceptiva cando se aprobou o PXOM. Así, denunciou que os “responsables” da anulación do plan “queren premer” aos demais grupos “sen asumir” os erros do pasado. “AGE non ten ningunha culpa”, advertiu sobre a anulación do PXOM de Vigo.

PUNTOS QUE PIDE AGE

Antón Sánchez subliñou que o que formulan os populares é un “trámite excepcional en que calquera concello cun informe dos servizos técnicos” pode iniciar un proxecto exento de alegacións e trámite ambiental, dous dos puntos que para AGE é imprescindible incluír na normativa para que conte co seu apoio a inclusión da emenda que modifica a Lei do Solo.

Outro dos aspectos que Alternativa Galega de Esquerda pide incluír é que o proxecto que se queira impulsar á marxe do PXOM conte co aval da maioría absoluta do pleno municipal, ao igual que os plans se someten a consideración da corporación local.

O deputado de AGE pediu a PP e PSOE que “actúen con seriedade e rigor” e considerou “lamentable a posición de Feijóo e Caballero” ao respecto da modificación da lei, que supón, ao seu xuízo, “retroceder 20 anos” en materia urbanística.

Por iso, pediu que os causantes da situación actual de Vigo non lles dean leccións de responsabilidade” e mostrou a súa “disposición a falar”, pero advertiu de que sen esas tres cuestións, AGE non apoiará a inclusión da emenda.

15 de xaneiro de 2016 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.