Ábrese un prazo de 10 días para presentar propostas para asumir as funcións da cámara de Ferrol
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Dirección Xeral de Comercio pola que se acorda o inicio da fase de liquidación da Cámara de Comercio de Ferrol, mediante a cal se abre un prazo de 10 días a partir de mañá, ata o 8 de febreiro incluído, para que as restantes Cámaras de Galicia presenten as súas propostas para a asunción das funcións do ente ferrolán.
Tal e como se indica na resolución, a asunción das funcións da cámara a extinguir por outra cámara de Galicia comportará a modificación da demarcación territorial mediante decreto da Xunta á proposta da administración tutelante, tendo en conta a concorrencia e os principios de viabilidade, solvencia e proximidade.
O inicio da fase de liquidación do ente, logo da fase inicial de disolución, supón tamén a encomenda ao administrador independente de todas as actuacións necesarias para a mesma, así como o cesamento da comisión xestora.
O procedemento iniciouse logo de que, trala disolución dos seus órganos de goberno e a correspondente convocatoria de eleccións, non se presentase ningunha candidatura, tal e como se regula na Lei de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia.











