A Xunta solicita ás entidades financeiras que cedan máis vivendas baleiras en Vigo

Ethel Vázquez con responsables de Cáritas Tui-Vigo
A Xunta de Galicia solicitoulle ás entidades financeiras colaboradoras que cedan máis vivendas baleiras en Vigo para poder poñelas á disposición das familias en risco de desafiuzamento ou con dificultades para acceder a un fogar. O Goberno galego tomou esta iniciativa logo da xuntanza que esta mañá mantivo a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, cos responsables de Cáritas de Tui-Vigo, na que se constatou a alta incidencia na cidade olívica dos problemas sociais relacionados coa vivenda.
Así, o Instituto Galego da Vivenda e Solo dirixiuse a Abanca, Banco Sabadell e Caixa Rural, entidades comprometidas coa Xunta na cesión de inmobles desocupados, para demandar este especial esforzo na cidade de Vigo.
A conselleira, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e polo director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, mantivo esta xuntanza con Cáritas de Tui-Vigo dentro da rolda de contactos que está a manter o Executivo autonómico coas distintas asociacións e colectivos cercanas a familias en risco de exclusión social.
Ethel Vázquez subliñou que “é imprescindible e faise totalmente necesaria a colaboración de todos os axentes implicados, sobre todo, a dos concellos, para que difundan estas axudas e nos trasladen aqueles casos dos que teñan coñecemento, a través dos servizos sociais”.
Vázquez remarcou que “hai persoas que precisan non só unha vivenda, senón apoio social integral e os concellos son as administracións máis próximas aos cidadáns e quen mellor pode coñecer, atender e informar sobre posibles casos, para proporcionar a maior e mellor cobertura a estas familias”.
Insistiu en que “cómpre unir esforzos e traballar xuntos e, desde logo, esta é a vontade da Xunta, que está a traballar, poñendo medios para chegar aos afectados e medidas para ofrecerlles solucións. porque non nos daremos por satisfeitos mentres haxa unha soa familia en risco de perder o seu fogar”.
Ethel Vázquez explicou que seguirase traballando cos interlocutores máis axeitados, para que as medidas de protección e apoio para atender a as familias con maiores dificultades para acceder a unha vivenda teñan a maior difusión.
Vázquez explicou que “desde o Goberno galego estanse a buscar solución e poñéndoas en práctica e estamos impulsando fórmulas como o censo de vivendas baleiras, cuxo texto de decreto foi aprobado onte mesmo polo Consello da Xunta para a súa remisión ao Consello Consultivo”.
“Este censo proporcionaranos información fiable das vivendas baleiras propiedade das entidades financeiras e as súas sociedades existentes nos concellos con maior demanda de vivenda e vainos permitir incorporar ao mercado estes inmobles baleiros, promovendo a súa integración nas políticas sociais de vivenda”, remarcou.
Máis fórmulas
Outras das fórmulas adoptadas pola Xunta, son os convenios que se asinaron coas entidades bancarias, tamén coa maior entidade financeira de Galicia, nas que se comprometen a non botar a ninguén da súa vivenda por non poder pagar a hipoteca e que permitiron a cesión de 240 vivendas baleiras que xa estamos ocupando con familias necesitadas.
Así mesmo, fíxolles coñecedores do denominado Bono de Alugueiro Social, de apoio urxente ás familias en risco de perder o fogar por non poder pagar o aluguer ou estar en situación de dificultade, do que acabamos de publicar unha nova convocatoria, cun investimento que supera os 4 M €, 1,4 millóns de euros en 2016.
Ethel Vázquez resaltou que “poden solicitar esta axuda as persoas que se enfrontan a unha demanda de desafiuzamento por impago de rendas; as vítimas de violencia de xénero; ou quen por circunstancias extraordinarias sufra a perda imprevista do seu fogar, como incendio e, inundacións, entre outros.
Outros contactos
A responsable de Infraestruturas lembrou que xa contactaron coas cinco delegacións de Cáritas Diocesanas en Galicia, remitíndolles información sobre estes programas. Neste momento, concretou “estamos a celebrar xuntanzas para explicar máis polo miúdo este conxunto de iniciativas e tamén para solicitarlles a súa colaboración”.
Para a Xunta, é imprescindible estar coordinados posto que Cáritas traballa cada día con persoas en situación de necesidade, o que lles permite ser coñecedora de casos de familias afectadas polo drama dos desafiuzamentos e, polo tanto, tamén é quen mellor pode informalas e asesoralas sobre as medidas da Xunta ás que poden acollerse.











