A Xunta reprocha a Caballero que use a área metropolitana como instrumento político
A Xunta de Galicia volveu a reprochar este xoves ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que use a área Metropolitana como un “instrumento político” e que “exclúa e discrimine” aos municipios gobernados polo PP, e pídelle que aclare se irá á reunión convocada por Rueda, dados os seus precedentes de “desinterese” nesta cuestión.
Así o manifestou o delegado territorial do goberno galego, Ignacio López-Chaves, nunha rolda de prensa na que lembrou que a Xunta convocou este encontro con “todos os alcaldes e alcaldesas, sen excluír a ninguén” dos 14 concellos que, segundo a lei en vigor, están integrados na área Metropolitana de Vigo.
López-Chaves contrapuxo esta posición á do rexedor olívico, ao que acusa de utilizar a área como “instrumento político”, ao convocar “só a algúns alcaldes e alcaldesas”, sen contar con seis dos municipios que estarían, segundo a normativa vixente, nesa organización supramunicipal (Mos, Baiona, Salvaterra, Pazos, Redondela e Soutomaior).
O delegado da Xunta preguntou se Caballero acudirá a esa reunión convocada pola Vicepresidencia do goberno autonómico, xa que foi “o único que faltou” na rolda de contactos cos concellos realizada polo director xeral de Administración Local, Alberto Pazos. “Os precedentes demostran o desinterese de Abel Caballero pola área Metropolitana”, apuntou.
INTEGRACIÓN DE NOVOS CONCELLOS
Por outra banda, en relación coa integración doutros municipios na área Metropolitana, cuxos alcaldes se reuniron con Caballero, o delegado da Xunta advertiu de que a área debe porse en marcha cos 14 concellos que xa figuran no texto da lei aprobada.
A ese respecto, subliñou a importancia de que se celebre esa reunión do día 19 de xaneiro para “pór en común” as posturas de todos os implicados e tratar de avanzar nunha proposta de modificación de lei. “Agora a lei di que hai estes 14 concellos, o que poida pasar despois non o sabemos”, aseverou López-Chaves, á vez que volveu a lamentar que “algúns falan moito e logo non demostran nada” sobre a vontade de que empezo a funcionar esta organización.











