A Xunta pide a colaboración do concello da Coruña para solucionar os problemas de convivencia e seguridade nas vivendas de Novo Mesoiro

Diego Calvo na reunión con representantes do Concello da Coruña
A sede da delegación territorial da Xunta foi escenario esta mañá dunha reunión na que se abordou a problemática, tanto de seguridade como de convivencia, detectada nalgunhas vivendas de titularidade autonómica do barrio de Novo Mesoiro. Ao encontro, convocado polo delegado territorial, Diego Calvo, foron convocados representantes do Concello da Coruña, da Subdelegación do Goberno en Galicia e mesmo da asociación de veciños e da comunidade de propietarios.
O obxecto da reunión pasou por informar aos presentes do remate, por parte da administración autonómica, dos trámites administrativos previos ao desaloxo de catro vivendas propiedade da Xunta ocupadas de forma irregular. “Fixemos o acordado coas partes e as administracións implicados, e agora o que toca é coordinar actuacións de cara á situación na que quedarán as familias que poidan ser desaloxadas”, apuntou Calvo, que insistiu en que debería ser o Concello da Coruña, a través “dos seus Servizos Sociais ou dos Servizos Sociais e liñas de axuda da Xunta”, o que busque unha solución para estas persoas.
Os traballos levados a cabo a instancias da administración autonómica nos últimos meses incluíron diversas inspeccións, atención ás denuncias presentadas polos propios veciños e estudo dos expedientes de cada vivenda. Tras o seu remate, tan só queda pendente a notificación das resolucións ao xulgado correspondente para que se inicie o proceso dos desaloxos. “A Xunta está a dar resposta ás reclamacións dos veciños, que son os que trasladaron a situación que están a sufrir. Ademais, temos que ter en conta que hai outras persoas agardando por estas vivendas que están agora ocupadas de xeito ilegal”, insistiu Calvo.
Finalmente, o delegado territorial lembrou que con esta reunión a Xunta busca que “chegado o día dos desaloxos, non nos atopemos cun problema coas familias, e por iso é necesaria a colaboración doutras administracións, neste caso do Concello da Coruña, que é o que coñece a realidade dos veciños que residen en Novo Mesoiro”, apuntou Diego Calvo.











