A Xunta informa aos alcaldes ourensáns das liñas de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria e cifradas en 35 millóns de euros

Marisol Díaz na xuntanza cos alcaldes
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, mantivo hoxe unha xuntanza cos alcaldes da provincia ourensá para informarlles polo miúdo das principais actuacións da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten activadas 9 liñas de axudas das que se poden beneficiar os concellos e que suman preto de 35 millóns de euros.
Estes programas abranguen eidos tan amplos como o fomento de emprego e a formación de persoas desempregadas, a eficiencia enerxética, o impulso do emprego de enerxías renovables e proxectos de biomasa, e a mellora de infraestruturas de parques empresariais.
Díaz Mouteira -que estivo acompañada na reunión polo xefe territorial do departamento autonómico dirixido por Francisco Conde, Tomás Paz Doniz- trasladoulles aos rexedores ourensáns a colaboración da Xunta para traballar de xeito coordinado no desenvolvemento dos concellos da provincia. Así subliñou que o Goberno galego, desde todos os seus organismos, impulsan a colaboración institucional ao abeiro de distintos programas de axudas e outras actuacións, ao tempo que reforza a prioridade dos proxectos de xestión compartida, o que significa incremento de puntuación e polo tanto, incremento de axuda para os concellos que presenten solicitudes conxuntas para a xestión de moitos dos apoios ofrecidos.
Marisol Díaz lembrou que o prazo do que dispoñen os concellos interesados nas liñas de axudas activadas por Economía remata, na maioría dos casos, o vindeiro día 30 de xaneiro. Este é prazo para solicitar calquera dos 6 programas de emprego abertos que teñen un orzamento de máis de 29 millóns de euros.
6 programas de Emprego
Así, a máxima representante do Executivo galego en Ourense informou aos representantes municipais que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano 14 millóns de euros aos obradoiros de emprego para mellorar a cualificación das persoas sen emprego e crear emprego estable e de calidade. Díaz Mouteira indicou que os obxectivos destes programas, que a Xunta seguirá a impulsar, son “a formación e capacitación, inserción laboral e a colaboración cos concellos”.
Emprego vén de activar tamén programas integrados (2016-2017) cun orzamento de case 2,9 millóns de euros, e o de fomento do emprego no ámbito de colaboración coas entidades locais, dirixido fundamentalmente á contratación de socorristas, cun presuposto de 1,3 millóns de euros.
Ademais, está activada a liña de apoios para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga, que conta con case 5,7 millóns, mentres que as axudas destinadas á contratación de persoal técnico para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego suman máis de 5,4 millóns de euros.
Parques empresariais e aforro enerxético
Marisol Díaz Mouteira tamén informou de que Economía, Emprego e Industria ten posto en marcha, un ano máis, as axudas para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais de Galicia cun orzamento de máis de 3,8 millóns de euros. Os concellos interesados nestas axudas teñen ata o día 22 do vindeiro mes de febreiro para formalizar a solicitude.
Por último, a delegada territorial resaltou na xuntanza que o Inega ten activadas dúas liñas destinadas a promover o aforro e a eficiencia enerxética que contan cun orzamento específico para as administracións públicas locais de preto de 1,7 millóns de euros. Neste eido impúlsase a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de enerxías renovables, así como os proxectos de equipamentos térmicos de biomasa. O prazo para solicitar estas axudas remata o 15 de febreiro.











