A Xunta distribuíu 21 vehículos, unha embarcación e diverso material de emerxencias entre Protección Civil de 24 concellos de Lugo
A Xunta de Galicia distribuíu 21 vehículos, unha embarcación e diverso material de emerxencia entre 24 concellos da provincia de Lugo nos últimos meses. Así o destacou hoxe a delegada territorial, Raquel Arias, quen afirmou que nas vindeiras semanas se completarán as entregas de dotacións previstas.
Arias explicou que esta actuación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza “quere dotar aos voluntarios de Protección Civil dos diversos municipios de Lugo do material axeitado para que poidan desenvolver o seu traballo da maneira máis efectiva e eficaz posible”.
Arias subliñou que “entre o material entregado aos concellos nos últimos meses figuran 14 todoterreos, 7 furgóns, 8 remolques de emerxencia, 7 esparexadores de sal e fundentes, unha embarcación e unha carpa de emerxencias”.
As entregas aínda non remataron posto que “a día de hoxe se continúa dotando de equipamento aos voluntarios de varios municipios e moi pronto veremos completadas as dotacións previstas”, segundo confirmou a delegada.
A delegada da Xunta tamén aproveitou para enxalzar “o importante traballo das asociación de voluntarios de Protección Civil na nosa provincia” aos que lles trasladou o firme compromiso da Xunta, “posto que representan una peza clave na atención das emerxencias”.
De igual maneira, Arias quixo salientar “a necesidade de colaboración entre administracións en beneficio dos cidadáns, que a Xunta promove con accións de cooperación cos concellos como estas”.
Os concellos beneficiados ata o momento polas dotacións de material da Xunta son Vilalba, Sarria, Mondoñedo, Foz, Ribadeo, Viveiro, Friol, Becerreá, Burela, Guitiriz, Barreiros, Ourol, Ribas de Sil, A Fonsagrada, Portomarín, Cervo, Folgoso do Courel, A Pontenova, Quiroga, Pol, O Incio, Sober, Palas de Rei e Xermade.











