A Xunta destina 423.000 euros aos concellos da área territorial de Vigo para axudas á promoción da igualdade
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, compareceron hoxe en rolda de prensa para dar conta da resolución da orde de axudas e subvencións a entidades locais para a promoción da igualdade e cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, que este ano supera os 3,9 millóns de euros, un 15,86% máis con respecto ao ano pasado.
Na área territorial de Vigo, as axudas ascenden a preto de 423.000 euros, o que supón un incremento superior ao 22% (76.456,5 euros máis) con respecto á convocatoria do pasado ano. Esta liña de subvencións aos concellos, coma explicou López Abella, se distribúe en tres liñas de actuación, que son: o programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, o de fomento de conciliación da vida persoal, laboral e familiar e o programa de apoio aos Centros de Información ás Mulleres (CIM).
No conxunto da área viguesa, son beneficiarios un total de 10 concellos: Baiona, Cangas, Gondomar, Nigrán, Moaña, O Porriño, Redondela, Soutomaior, Pazos de Borbén e Vigo, sendo este último o que recibe a maior contía cun importe total de 82.000 euros, un 43% máis con respecto á anterior convocatoria.
Ademais, coma matizou a secretaria xeral e no que respecta ás axudas aos CIM, a resolución destas axudas, publicada recentemente no DOG, reflicte a aposta do Goberno galego pola cooperación entre municipios e a prestación conxunta de servizos. De feito, na convocatoria deste ano se produzo unha nova agrupación posto que o Concello de Soutomaior presentou a súa solicitude agrupada cos municipios de Pazos de Borbén e Vilaboa. Unha cooperación pola que a Xunta seguirá apostando, convencida de que redunda nunha maior eficiencia e en beneficio para os cidadáns.
Tres liñas de subvencións
As axudas para promoción da igualdade engloban tres programas de colaboración coas entidades locais: o programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, o de fomento de conciliación da vida persoal, laboral e familiar e o programa de apoio aos Centros de Información ás Mulleres.
1) O programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero inclúe accións de intervención de carácter integral coas mulleres vítimas de violencia de xénero, coas súas fillas e fillos, así como coas persoas delas dependentes e actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e a prostitución.
Na área de Vigo, este programa recibe un total de 11.862 euros sendo destacable a axuda de 10.000 euros para un programa de asistencia psicolóxica ás fillas e fillos das mulleres vítimas da violencia de xénero que levará a cabo o Concello de Vigo.
2) Pola súa banda, o programa de fomento de conciliación da vida persoal, laboral e familiar engloba as medidas que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras. Entre esas medidas están os bancos de tempo.
Neste caso, os municipios da área de Vigo reciben un total de 24.000 euros para o programa do Concello de Vigo de servizo de atención domiciliaria á infancia, subvencionado con 12.000 euros, e o programa municipal de conciliación presentado polo Concello de Redondela, ao que tamén se lle outorgaron 12.000 euros.
3) Por último, o programa de apoio aos CIM ten como obxectivo reforzar a funcionalidade destas instalacións e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan atención nelas. É subvencionable a existencia no cadro de persoal ou na relación de postos e traballo da entidade de prazas para persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido para prestar servizos no CIM, para a atención a mulleres en situación de vulnerabilidade. Tamén será obxecto de axudas a contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico ou de atención psicolóxica, así como para levar a cabo as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.
Este é o programa que recibe un maior volume de investimento para os concellos da área territorial de Vigo cunha contía de 386.928,88 euros e sendo os municipios de Vigo, Moaña e Redondela os que reciben unha subvención maior.











