A Xunta convoca para o venres aos 8 concellos da área de Ourense para avanzar na posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano
A Xunta convoca para o vindeiro venres aos 8 concellos da área de Ourense para avanzar na posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano. Nesta xuntanza de traballo, que estará presidida pola conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto coa directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, exporanse os traballos de campo realizados ata a data e trataranse os próximos pasos administrativos e tecnolóxicos a seguir para lograr que o transporte metropolitano en Ourense sexa unha realidade o antes posible.
Cómpre lembrar que os municipios que integran a Área do Transporte Metropolitano de Ourense son Coles, San Cibrao das Viñas, Punxín, Barbadás, O Pereiro de Aguiar, Toén e Amoeiro.
O Goberno galego está a traballar na liña de axilizar os trámites para dotar a cidade de Ourense e toda a súa área dun Plan de Transporte Metropolitano para que os cidadáns poidan desfrutar, canto antes, das vantaxes e dos descontos no transporte público dos que xa se benefician os habitantes das comarcas da Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo e Vigo.
Esta aposta polo transporte público mellorará a mobilidade dos veciños destes oito concellos, favorecendo un maior intercambio de viaxeiros, fundamentalmente coa cidade cabeceira, Ourense. Ademais, suporá o abaratamento do prezo do billete entre un 20 e un 50% para aquelas persoas que utilizan con frecuencia o transporte público; e reportaralle beneficios significativos aos usuarios, con aforros medios duns 600 euros ao ano.
O citado plan, ademais de fomentar un transporte público eficiente, que permite liberar espazo no centro da cidade, reduce a contaminación e contribúe a desconxestión e a unha maior fluidez nos tráficos.