publicidade hoxe

A Xunta aborda novas vías de colaboración en políticas sociais co Concello de Cabanas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanas
A-
A+
Rey Varela na reunión co alcalde de Cabanas

Rey Varela na reunión co alcalde de Cabanas

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, realizou esta mañá unha visita institucional ao Concello de Cabanas onde foi recibido polo alcalde deste municipio coruñés, Germán Castrillón Permuy, con quen mantivo unha xuntanza de traballo co obxecto de analizar a situación dos programas e servizos sociais dependentes da Xunta de Galicia que se prestan nesta localidade. Deste xeito, o conselleiro continuou coa rolda de entrevistas que está a manter cos primeiros e primeiras edís de Galicia co obxectivo de seguir avanzando na colaboración e coordinación no desenvolvemento das políticas sociais.

Así, Rey Varela insistiu na importancia de intensificar o diálogo cos concellos para un mellor aproveitamento dos recursos públicos dos que dispón a nova Consellería de Política Social, cuxos orzamentos para este ano de 2016 crecen un 12%, tres veces máis que os presupostos xerais da administración autonómica que o fan nun 4,2% con respecto ao exercicio pasado. “Esta subida enmarcase no novo impulso que o Goberno galego está a dar ás políticas sociais para que a mellora das contas públicas chegue aos fogares de todos os galegos e galegas”, manifestou.

O conselleiro e o alcalde de Cabanas acordaron na reunión estudar novas vías de colaboración entre ambas administracións en temas relacionados coa atención ás persoas dependentes e aos maiores, así como á infancia. Neste sentido, apuntou que no último ano a Xunta incrementou en 70 horas o Servizo de Axuda no Fogar, que na actualidade atende en Cabanas a 21 familias. Outras prestacións de carácter social que a Xunta cubre neste municipio son o Punto de Atención á Infancia (PAI), con 20 prazas; a Residencia de Maiores de Laraxe, dotada con 172 prazas; e o Centro de día de maiores Virxe de Covadonga, que oferta 25 prazas.

15 de xaneiro de 2016 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.