A xuíza De Lara rexeita aprazar a declaración de Besteiro
A xuíza que instrúe o denominado caso do Garañón, Pilar de Lara, rexeitou este venres a petición dos avogados do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, de aprazar a súa declaración fixada para o próximo martes ao argüír que teñen outros sinalamentos xudiciais.
Para a maxistrada, segundo fontes xudiciais, trátase “dunha manobra fraudulenta” encamiñada a “dilatar a data da declaración” e, ademais, a súa presentación é “extemporánea”.
Nun auto emitido este venres para negar a posibilidade de aprazar a citación, De Lara recorda que a Lei de Axuizamento Criminal establece que o aviso dos letrados debe producirse tan pronto como se ten coñecemento de que dúas citas coinciden no tempo. Non obstante, o xuízo ao que deben acudir está fixado “dende novembro”.
Así as cousas, mantense a data do próximo martes para que o líder socialista preste testemuño, en sede xudicial, sobre a concesión de licenzas para urbanizar o terreo situado xunto ao Parque Rosalía de Castro, en Lugo, durante a etapa na que era concelleiro de Urbanismo ás ordes do exalcalde Xosé López Orozco.
O xefe de filas do PSdeG está imputado por prevaricación, suborno, tráfico de influencias e un delito contra a ordenación do territorio. A xuíza investiga se existe relación entre os permisos definitivos que se deron para urbanizar O Garañón e o piso que Besteiro e a súa esposa compraron ao socio dunha empresa que vendera antes o soar, e indaga se o socialista se puido ver favorecido no prezo e na reforma posterior do inmoble.











