A UVigo acolle 580 estudantes estranxeiros de intercambio e volve superar o seu máximo histórico
A Universidade de Vigo (UVigo) acolle este curso escolar 2015/2016 un total de 586 estudantes estranxeiros, a través de distintos programas de mobilidade, co que este ano volveu a superar o seu máximo histórico, que o anterior curso fora de 557 alumnos de intercambio.
Segundo informou a universidade viguesa, dos máis de 580 estudantes foráneos de intercambio na UVigo, 137 permanecen o curso completo, 240 fixérono o primeiro cuadrimestre e 240 están a facelo neste segundo cuadrimestre. Do total, 383 son mulleres e 203 homes.
Por campus, o de Vigo segue sendo o que máis estudantes acolle, con 436; seguido de Pontevedra, con 101; e Ourense, con 61. Os dous primeiros gañaron estudantes, mentres que o ourensán perdeu 12 respecto ao pasado curso.
En canto ás facultades, a que máis alumnos de intercambio recibe é a Facultade de Filoloxía e Tradución, con 183 estudantes; seguido da Ciencias Económicas e Empresariais, con 91; e da Escola de Enxeñaría Industrial, con 69.
Ademais, os países que máis estudantes envían son Italia (85), Alemaña (78) e México (70), pero tamén hai alumnos de países como Corea, Brasil e Turquía; e os programas de mobilidade máis comúns son o Erasmus (399 usuarios), os convenios bilaterais (116) e os programas Isep (30).
Este luns tiveron lugar nos campus de Vigo e Pontevedra os respectivos actos de benvida dos novos alumnos de intercambio -este martes será o de Ourense-, onde se lles explicou a oferta de actividades culturais, formativas e lúdicas que acolle a Universidade de Vigo.











