A televisión visita os comedores escolares de Ames
Os nenos e nenas que xantan no comedor escolar do CEIP Agro do Muiño tiveron onte a oportunidade de contar na televisión que pensan da comida que se lles serve a través deste servizo municipal. Unha redactora e un cámara de V Televisión visitaron os comedores de Ames e entrevistaron tanto á rapazada como aos traballadores que organizan o servizo, deseñan os menús, cociñan e atenden as mesas. A noticia destaca o carácter de proximidade do servizo, incidindo no feito de que se cociña en cociñas propias e se empregan produtos da zona. A nova, que foi emitida no informativo de onte, pode verse nas páxinas locais da edición dixital da Voz de Galicia e na páxina de V Televisión. Premendo no enlace que está dereita da pódese acceder o vídeo da nova.
“As albóndegas con arroz son o mellor. Vide a probalas”. Deste xeito manifestábase unha das rapazas entrevistadas por Paloma Ferro, redactora de V Televisión, no comedor escolar do CEIP Agro do Muiño, despois de que a xornalista lle preguntara a ela e a varios dos seus compañeiros se lles gustaba a comida. Os nenos e nenas enumeraron diante da cámara algúns dos pratos que se adoitan a servir nos comedores escolares de Ames, como o churrasco, o arroz ou as albóndegas, sen escatimar eloxios do tipo “está delicioso” e non houbo nin un só que dixera que algo non era do seu agrado.
Deste xeito, os pequenos usuarios e usuarias do servizo de comedores escolares de Ames convertéronse nos mellores axentes de promoción dun servizo que naceu hai dez anos servindo trescentos menús e que na actualidade atende a 1109 nenos e nenas, dos que ao redor dun dez por cen sofren algún tipo de intolerancia ou alerxia alimentaria que deben ser atendidas diariamente a base de menús especiais axeitados a cada problema particular.
O proxecto municipal denominado “Rede Municipal de Comedores Escolares do Concello de Ames” naceu no curso 2005-2006, con xestión directa do Concello, con 2 obxectivos principais: axudar á cidadanía a conciliar a vida laboral e familiar e educar para a saúde en hábitos alimenticios saudables, mediante o fomento dunha alimentación sa e equilibrada, a través do desenvolvemento dun proxecto educativo propio.
Na actualidade a Rede Municipal de Comedores Escolares do Concello de Ames está integrada no curso escolar 2015-16 por 5 comedores escolares: Comedor do CEP de Ventín, comedor do CEIP A Maía, comedor do CEIP Agro do Muíño, comedor do EEI Milladoiro e comedor do CEIP Barouta. Os comedores do CEIP Agro do Muiño e da Escola infantil do Milladoiro contan con cociñas onde se elaboran os menús para toda a “Rede Municipal de Comedores Escolares”.











