A Ruta dos Faros desperta interese en Fitur
Profesionais do sector turístico e medios especializados mostraron interese pola Ruta dos Faros na xornada de apertura da Feira Internacional de Turismo, Fitur, que se desenvolve en Madrid dos días 20 a 24 de xaneiro. O deputado da área de Turismo, Xosé Regueira, presentou o proxecto no programa oficial da feira.
A presentación da Ruta dos Faros foi a primeira das accións da Deputación na Feira Internacional de Turismo, Fitur, que se está a celebrar en Madrid como unha das citas de referencia do sector turístico mundial. A iniciativa da Deputación da Coruña formaba parte do programa oficial da xornada inaugural da Feira nun acto no que participou o responsable da área de Turismo da Deputación, Xosé Regueira, que destacou a potencialidade da Ruta dos Faros como produto singular na oferta turística da Coruña, así como a importancia do turismo para a dinamización económica da comarca.
Para a presentación oficial da Ruta dos Faros, a Deputación da Coruña convidou ao espazo oficial en Fitur a Sofía Agrafojo, da asociación Os Trasnos, entidade promotora da ruta, e ao xornalista Santiago Garrido, especialista na Costa da Morte, protagonista da travesía que levantou interese nun acto que convocou numerosos representantes do sector turístico.
Coa lenda “Unha paisaxe en cada paso”, a Ruta dos Faros presentouse desde os moitos ámbitos que poden despertar o interese do turismo, desde o medioambiental ao paisaxístico ou cultural. Sofía Agrafoxo defendeu a singularidade da ruta que provoca “sensacións únicas” para gozar da Costa da Morte, desde Malpica ata Fisterra pasando por Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Vimianzo, Camariñas, Muxía e Cee.
Sofía Agrafojo destacou o carácter participativo da Ruta, na que participaron especialistas de ámbitos como o medioambiente, a paisaxe, o patrimonio artístico, a historia ou mesmo a música e a colaboración de distintas institucións, entidades e poboación na consolidación da ruta, no que destacou o “apoio económico e xurídico” da Deputación da Coruña. Neste sentido, destacou o acordo marco subscrito cos concellos da ruta para a presentación do proxecto de homologación do camiño, un paso para darlle pulo á ruta.
Google para camiñar desde casa
Na presentación da Ruta dos Faros en Fitur anunciouse tamén o convenio con Google que permitirá, en breve, poder coñecer e percorrer o camiño desde a casa, nun especial aproveitamento das novas tecnoloxías para a promoción turística.
O xornalista Santiago Garrido destacou a potencialidade turística da Costa da Morte, que denominou tamén Costa d´Amor, na que, en 1.500 quilómetros cadrados de territorio é “extraordinariamente fácil atopar castros, dolmens, igrexas, monumentos, paraxes naturais únicos, faros, grandes hórreos, castelos e pazos”. Fixo especial fincapé tamén na máis de 2.500 prazas hoteleiras ás que hai que engadir outras tantas de cámping nun territorio de cada vez maior interese turístico con polos de atracción como os deportes de mar -o surf de maneira especial-, o incremento de peregrinaxe no camiño histórico a Fisterra, e o turismo de paisaxe e cultural. “Cada lugar é un tesouro”, apuntou Santiago Garrido. “A Costa da Morte é, en fin, a suma de moitos e moi variados atractivos, que a pequena escala reúnen todo o que Galiza da de si. Mesmo dos que habitualmente se asocian a outras latitudes. Toda Galiza cabe aquí, alí”, sinalou.
A actividade da Deputación da Coruña continuará en Fitur na presentación e promoción de distintos produtos turísticos, de maneira singular os seis destinos da provincia que se están a difundir na feira en distintos soportes. “Rías Altas: Ferrolterra e Eume”, “Rías Altas: A Coruña e As Mariñas”, “Costa da Morte”, “Terras de Santiago”, “Rías Baixas: Ría de Muros e Noia” e “Rías Baixas: Ría de Arousa” son algunhas das apostas da Deputación da Coruña nesta nova edición de Fitur.











