A presidenta da Deputación de Pontevedra considera unha “imposición” a prórroga a ENCE
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, reiterou este xoves as súas críticas á decisión “unilateral” do “Goberno en funcións”, de prorrogar a presenza da celulosa ENCE na ría de Pontevedra durante 60 anos, e advertiu de que se trata dunha “imposición” a unha gran maioría de cidadáns que apoian “outro modelo”.
Así o sinalou Silva durante o coloquio posterior á súa intervención nun acto organizado por Nova Economía Forum, no que lembrou que “o pobo é quen máis ordena”, e que os pontevedreses deron o seu apoio maioritario ao actual rexedor, Miguel Anxo Fernández Lores, quen se presentou ás eleccións expondo que ENCE tiña que irse fóra”.
Silva apuntou que o PSdeG tamén defendeu a marcha de ENCE e a procura dunha localización alternativa, unha procura na que terían que traballar a Xunta e o Goberno central, en lugar de quedarse “de brazos cruzados”.
“Non é aceptable impor algo a unha maioría esmagadora de pontevedreses. Por que non darlle a Pontevedra a oportunidade de cambiar o seu modelo económico?”, expuxo Silva, quen lembrou que, hai un ano, “o PP tamén se opuña” á continuidade de ENCE. “Hai un ano o señor Jacobo Moreira pedía ao alcalde que liderase a saída de ENCE. Un pouco de seriedade”, sentenciou.











