A Policía de Santiago reforzará a vixilancia policial no mercado do xoves tras a liorta entre clans xitanos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de CompostelaSucesos
A-
A+
Europa Press

A Policía Local de Santiago reforzará esta semana a súa presenza habitual no mercado que se celebra en Salgueiriños os xoves para evitar posibles conflitos derivados da liorta entre dous clans xitanos que o sábado se saldou cun tiroteo e varios feridos na cidade.

Segundo confirmou o concelleiro de Convivencia, Xan Duro, dende o concello decidiron que esta semana se reforce a presenza da Policía Local no mercado, aínda que cre que “non haberá ningún problema”. A Policía Nacional tamén estará presente para previr conflitos, dado que persoas dos dous clans participan nesta cita.

Duro tamén reiterou que os servizos sociais municipais están a levar a cabo un proceso de “intermediación” entre ambos os dous clans para “reconducir a situación” e reducir a tensión entre as familias.

Ao mesmo tempo, desvinculou esta situación da acontecida noutras cidades galegas, como é o caso de Vigo, dado que a orixe do conflito entre os clans pertence ao ámbito “privado” e non garda relación co mercado.

Pola súa banda, o alcalde da cidade, Martiño Noriega, fixo este luns un chamamento á “tranquilidade” para evitar que “o conflito vaia a máis”, tras o que comprometeu o esforzo dos servizos de intermediación e dos corpos de seguridade.

18 de xaneiro de 2016 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.