publicidade hoxe

A parcela municipal Faquiña xa conta con empresa adxudicataria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

No Pleno ordinario do pasado mes de decembro, celebrado o mércores día 30 no Pazo de Mos, aprobouse a adxudicación definitiva do dereito de superficie da parcela municipal Faquiña, de uso industrial. Con este procedemento lógranse ingresos para o Concello que revertirán en mellora dos servizos, ademais de activar a actividade empresarial na localidade e fomentar o emprego

O importe do canon anual a aboar pola empresa adxudicataria ascende a 11.647,24 euros.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, explicou que esta parcela xa saíra anteriormente a procedemento aberto de adxudicación quedando este deserto, polo que volveuse a sacar unha nova licitación por tramitación urxente. Dita tramitación urxente implicou que os prazos se reducisen á metade respecto do anterior proceso. 

A parcela municipal Faquiña (antiga CEPSA), sita na Avenida do Aeroporto, parroquia de Tameiga, ten forma triangular e conta cunha superficie de 7.170 metros cadrados. O informe técnico-urbanístico municipal establece o prezo da concesión e, polo tanto, o valor económico do contrato da mesma, en 11.647, 24 euros. 

A renda do contrato deberá de satisfacerse por anos naturais vencidos, dentro do primeiro trimestre do ano seguinte. A anualidade correspondente ó ano de adxudicación prorratearase en atención á data desta. O canon ten carácter anual polo que o seu devengo se produce a 1 de xaneiro de cada ano. 

O criterio de valoración para a adxudicación da parcela a unha das 4 empresas que se presentaron ó procedemento de licitación tivo en conta os seguintes puntos: incremento sobre o canon de aplicación, actividade a desenvolver, importe do investimento, número de traballadores, importe anual dos tributos a devengar, diminución do prazo da concesión sobre o máximo previsto e prezo da concesión. 

Os usos industriais ós que se destinará a parcela serán de almacén de materiais de construción, laboratorio e oficinas da empresa adxudicataria, adicada á construción e excavacións. A altura máxima da nave de 1.500 metros cadrados a construír, deberá ser de tres plantas e/ou 10 metros. 

A duración da concesión do dereito de superficie á empresa adxudicataria é de 50 anos con posibilidade de ser prorrogada durante 25 anos máis de común e expreso acordo por ambas partes, que deberán de asinar unha adenda ó contrato inicial, pero recaendo a decisión desta prórroga da concesión de xeito discrecional no Concello de Mos. En todo caso a solicitude de prórroga faculta ó Concello de Mos para revisar ou recalcular o prezo da renda. 

Fomento do emprego 

O adxudicatario debe de contratar ó número de traballadores que sinalou na súa oferta  e cumprir a totalidade das obrigas legalmente impostas pola lexislación vixente en materia laboral. 

5 de xaneiro de 2016 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.