A ministra Tejerina di que a prórroga a Ence é unha decisión administrativa
A ministra de Agricultura, Alimentación e Medio en funcións, Isabel García Tejerina, asegurou este martes que a prórroga concedida a Ence por 60 anos para a ocupación dos terreos nos que se sitúa o seu centro de operacións na Ría de Pontevedra foi “unha decisión administrativa” na que non interferiu o Goberno.
“Seguíronse todos os trámites administrativos necesarios que se pedían para poder conceder a prórroga da concesión”, afirmou a ministra, ao tempo que remarcou que “a decisión non a tomou un goberno en funcións e é unha resolución administrativa, a sinatura a directora xeral”.
“Non é unha decisión do goberno en absoluto, é unha decisión absolutamente administrativa, co cal escapa completamente da decisión do Goberno, é un trámite ordinario”, reiterou a ministra en declaracións aos medios tras asistir á inauguración do IX Congreso Federal da Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA).
En calquera caso, Tejerina xustificou que Ence “ten unha actividade moi importante, ten comprometidos investimentos moi importantes en Pontevedra” e concedeuse a prórroga para que “poida seguir funcionando e mantendo todo o emprego que xera”.
“Cúmprense uns requisitos, a empresa ten dereito cumprindo toda a normativa, é sen máis un trámite ordinario que permitirá que esta empresa siga funcionando e siga xerando emprego na provincia de Pontevedra”, concluíu.











