A Fiscalía recorrerá o auto contra Manuel Baltar a vindeira semana
A Fiscalía de Ourense prevé presentar a semana que vén un recurso contra o auto do Xulgado de Instrución Número 3 de Ourense que cita en calidade de investigados por un delito de suborno ao presidente da Deputación e do PP na provincia, José Manuel Baltar, e á muller que o denunciou por supostamente ofrecerlle traballo a cambio de sexo.
A muller estaba citada para declarar como prexudicada, pero o xulgado notificou este xoves un auto no que deixa sen efecto esta citación e chama tanto a ela coma a Baltar para o 10 de marzo en calidade de investigados -a nova denominación de imputados-. Segundo confirmaron fontes coñecedoras do caso, a intención da Fiscalía é recorrer esta decisión.
E é que, a mediados do pasado mes de outubro, a muller denunciara ante a Fiscalía que o agora presidente da Deputación de Ourense ofreceulle no ano 2010 “unha praza fixa” na institución provincial, que entón aínda dirixía o seu pai, José Luis Baltar, “ou mesmo noutro lugar”, a cambio de sexo.
A Fiscalía Provincial de Ourense, con Florentino Delgado á fronte, decretou o arquivo das dilixencias de investigación penal, pero a muller decidira presentar unha nova denuncia ante o xulgado de garda de Ourense por un suposto delito de acoso sexual.
Agora, segundo as fontes consultadas, recorrerá o novo auto mantendo “o mesmo criterio da resolución” de arquivo das dilixencias de investigación practicadas a finais do ano pasado, xa que entende que non existe ningún dato novo que esixa unha valoración distinta.
FISCALÍA XA INVESTIGARA O SUPOSTO SUBORNO
E é que, conforme fixo público no seu momento a Fiscalía de Ourense, esta xa investigara baseándose nas probas presentadas pola muller -achegou mensaxes e tamén gravacións nas que Baltar daba a entender a posibilidade de modificar notas en procesos selectivos-, a posible existencia de “condutas contra liberdade sexual, suborno e abuso no exercicio da función pública”.
Respecto ao primeiro caso, a Fiscalía sinalou entón que a denunciante “é maior de idade e con plena capacidade”, e que segundo as súas propias declaracións, “non mediou uso de forza ou intimidación”.
Sobre os supostos delitos de suborno e abuso no exercicio da función pública, o fiscal recordou que se trata de “tipos delituosos que non poden darse en quen non é autoridade”, e que os supostos feitos denunciados “se producirían dous anos antes” de que Baltar fose nomeado presidente da Deputación.
Ademais, incidía a Fiscalía en que “tampouco se está no caso de que se procedese a realizar a contratación da denunciante”. O fiscal concluíu así que os feitos postos de manifesto non achegan indicios abondos de existencia de “feitos delituosos”, polo que acordou arquivar as dilixencias de investigación e agora mantén o mesmo criterio para presentar recurso.
SOSPEITAS DA XUÍZA
Se ben a xuíza tampouco ve a posible existencia dunha conduta contra a liberdade sexual sostén no seu auto que si pode existir un delito de suborno do artigo 419, e iso sen prexuízo “da cualificación como delito de tráfico de influencias dada a relación persoal” do investigado co presidente da Deputación no momento dos feitos, o seu propio pai, que, segundo apunta a xuíza, “tamén se compromete a proporcionarlle un traballo”.
Considera a xuíza que esta situación “esixe atender á conduta punible do particular que entrega retribución a autoridade ou funcionario público para realizar un acto contrario aos deberes do cargo, que se concretaría nun nomeamento prescindindo das disposicións legais que o regulan”.
A instrutora do caso tamén estima que é preciso atender á actuación dun “particular que inflúe en funcionario público ou autoridade prevaléndose dunha situación derivada da súa relación persoal con este (artigo 429 do Código Penal) para conseguir unha resolución que lle poida xerar un beneficio económico”.











