A estratexia Conecta Ourense aposta pola creación dun espazo metropolitano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Concello de Ourense vén de aprobar, en Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá, o convenio de colaboración que subscribirá coa Deputación Provincial para a posta en marcha das estratexias de desenvolvemento urbano sostible na provincia. Este plan, denominado “Estratexia Conecta Ourense” (ECOU), ten como principal obxectivo “crear e reforzar vínculos entre a capital e os municipios que a rodean co fin de artellar un espazo metropolitano máis dinámico que impulse o crecemento social e económico do conxunto da provincia”, en palabras do alcalde da cidade, Jesús Vázquez.

Esta estratexia, impulsada pola Deputación, non establece tanto accións concretas coma un modelo de cidade, e vai dentro dun paquete de medidas que se lle solicitan ao Ministerio de Facenda, encargado de canalizar as axudas dos fondos europeos. “Trátase de abordar os problemas urbanos do área metropolitana relacionados, fundamentalmente, coa ausencia dunha verdadeira malla urbana que permita a comunicación fluída tanto no interior da cidade como entre esta e a súa contorna”, dixo o rexedor. Para logralo, a estratexia ECOU quere desenvolver a conexión da cidade e a súa contorna en tres dimensións: física, virtual e económico e social.

A física procura desenvolver a mobilidade interna para articular unha cidade sen barreiras entre os barrios, así como conexión entre a capital e os municipios da súa contorna. A virtual, crear unha cidade conectada internamente e cos municipios da súa área metropolitana mediante redes, proxectos e ferramentas tecnolóxicas. E, finalmente, a conexión económica e social, pretende converxer a nivel local e provincial iniciativas e proxectos económico e empresarial, así como de índole social e cultural, buscando sempre a activación económica de pequenas empresas, tics e cooperativas.

O plan ECOU terá catro grandes obxectivos estratéxicos:

– Cidade intelixente ou smart city, impulsarase a administración electrónica e haberá unha tarxeta cidadá para todo o espazo metropolitano de Ourense.

– Accesibilidade e mobilidade, quérese unha cidade conectada mediante espazos para camiñar e carril bici, ben iluminados, e tendo moi en conta a eliminación de barreiras arquitectónicas en zonas con altas cotas de verticalidade;

– Dinamización turística, o Concello de Ourense pretende con este plan que o termalismo sexa un centro dinamizador do emprego para os máis novos, pero acompañalo tamén dun plan de rehabilitación do patrimonio histórico,arquitectónico e cultural

– Conexións: o desenvolvemento do Espazo Metropolitano de Ourense, a través dun plan de dinamización da Cultura e do Deporte, creando un espazo de axenda única.

Aula de alimentación saudable

O Concello de Ourense porá en marcha unha aula de saúde especialmente equipada para fomentar a alimentación saudable entre todo tipo de colectivos: mocidade, adultos, persoas maiores e infancia, con actividades dirixidas tanto a poboación en xeral como a asociacións e entidades do ámbito da saúde e o benestar social, entre outros colectivos, co obxectivo de facer de Ourense unha cidade máis saudable.

Con esta finalidade, a Xunta de Goberno Local aprobou un convenio de patrocinio para regular a colaboración entre a empresa COGASCA S.L. e o Concello de Ourense, para que este poda organizar estas actividades. 

“COGASCA. My personal kitchen” patrocinará os cursos de cociña e outras actividades de fomento da alimentación saudable que desenvolva o Concello de Ourense. Para isto, a empresa instalará no local municipal sito na rúa Vasco da Ponte, 1, sen custe para o Concello o equipamento necesario para o desenvolvemento destas actividades: cociña, campás de recirculación, forno, combi, microondas, módulos de inducción, menaxe de cociña, proxector, pantalla de televisión e mobiliario, valorados en máis de 15.000 euros. 

As actividades relacionadas coa cociña, a alimentación, a vida saudable e a restauración son das máis demandadas por parte de veciños e veciñas da cidade que participan nos programas formativos que desenvolve o Concello, tanto desde un punto de vista de lecer como no relacionado coa inserción sociolaboral. Dispoñer dunha aula perfectamente acondicionada permitirá ao Concello fomentar estas actividades, dispoñendo dunha sede específica para todas elas, que será esta nova Aula de alimentación saúde.

Xestión urbanística: corrección de erros

No apartado urbanístico, a Xunta de Goberno corrixiu un acordo do 30 de decembro de 2015 referido á expropiación polo sistema de taxación conxunta de bens e dereitos incluídos no AR-As Burgas. A cantidade que se lle recoñece finalmente a un particular pola parcela número 5 é 16.599,77 € en vez de 16.599,17 € (son, polo tanto, 60 céntimos máis).

Outros asuntos 

A Xunta de Goberno Local deu conta, igualmente, dunha sentenza que obriga a readmitir ou indemnizar a un antigo traballador do Concello e, no apartado de licenzas, aprobou unha obra de adaptación dun local para centro de estética na rúa Manuel Pereira. 

Delegacións das competencias municipais 

Esta sesión da Xunta de Goberno Local completouse coa dación de conta do decreto nº 2016000001 de 4 de xaneiro de 2016, no que se introduce unha pequena variación nas delegacións de competencias municipais, pola que o servizo de Prensa se adscribe á área de Servizos Xerais e Fondos Europeos pasa a Promoción Económica, nambos casos para unha maior operatividade, como sinalou o alcalde, Jesús Vázquez

7 de xaneiro de 2016 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.