A estación intermodal de Ourense contará cun investimento de 3,4 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou a aposta do Goberno galego pola intermodalidade para fomentar o uso do transporte público e puxo en valor o impulso que lle está dando á estación de autobuses de Ourense na terminal de ferrocarril, que vai supoñer un investimento de 3,4 millóns de euros.

Tras analizar na xuntanza do Consello da Xunta a posta en marcha desta infraestrutura, Feijóo lembrou que este compromiso adquirido coa cidade das Burgas xa deu o primeiro paso coa publicación no Diario Oficial de Galicia da licitación do proxecto básico e de execución da intermodal, por un importe de 148.000 euros e un prazo de tres meses para o proxecto básico e de seis para o total do proxecto construtivo.

Como sinalou o máximo responsable autonómico, o proxecto da intermodal para Ourense supón achegar a estación de autobuses a unha situación máis céntrica e facilitar o intercambio de viaxeiros entre modos de transporte.

Neste senso, Feijóo avanzou que a dita estación estará dotada de 19 dársenas de asignación dinámica, outras tres de regulación, un edificio terminal de 430 metros cadrados e unha superficie total de preto de 6.000 metros cadrados.

Un convenio para concretar as actuacións de cada administración implicada

O titular do Goberno galego informou de que a Xunta remitiu ás outras administracións implicadas un borrador de convenio para concretar as actuacións das que se terá que facer cargo cada entidade.

Deste xeito, ao Executivo autonómico correspóndelle a redacción do proxecto básico e de execución, cuxa licitación autorizamos hoxe, así como executar e financiar as obras da nova estación, incluíndo un aparcadoiro en superficie. Pola súa banda, Adif deberá redactar os proxectos básicos e de execución da estación de ferrocarril para adaptala á alta velocidade e para mellorar a accesibilidade dos peóns, ademais de ter que ceder á Xunta os terreos para a construción da nova estación. E, finalmente, o Concello de Ourense encargarase de promover as modificacións necesarias no ordenamento urbanístico e ceder así mesmo terreos á Xunta para a execución da estación de autobuses.

A aposta pola intermodalidade e o compromiso con Ourense

O mandatario galego fixo fincapé na aposta do Goberno galego pola intermodalidade en Galicia, como así demostra o feito de que ten garantido un investimento total do programa operativo Feder 2014-2020 que supera os 34 millóns de euros.

Da mesma forma, tamén sinalou o compromiso da Xunta coas infraestruturas de Ourense. De feito, lembrou que nas últimas semanas aprobáronse tamén dúas importantes actuacións na cidade para mellorar o seu patrimonio e a calidade de vida dos seus cidadáns: as obras de reparación da Ponte Vella e a mellora da Ponte do Milenio, outro dos elementos senlleiros da cidade de Ourense.

8 de xaneiro de 2016 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.