A Deputación trae a Vuelta Ciclista a España aos concellos da provincia da Coruña
A Vuelta Ciclista a España, que se celebrará entre o 20 de agosto e o 11 de setembro, terá esta ano dúas etapas que contarán co patrocinio da Deputación da Coruña e discorrerán polos concellos da provincia. O percorrido desta edición foi presentado esta fin de semana nun acto celebrado no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, ao que asistiron o presidente da institución provincial coruñesa, Valentín González Formoso, e o deputado responsable de Infraestruturas e Medioambiente, José Manuel Pequeño Castro.
La Vuelta pasará este ano polos concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal na súa 4ª etapa, de 161 quilómetros, que partirá de Betanzos e rematará en San Andrés de Teixido, pasando por Miño, Pontedeume, o alto da serra da Capela, As Pontes, o alto do Monte Caxado, Ortigueira, Cerdido, Valdoviño, e os cantís de Vixia Herbeira.
O pelotón deberá superar tres portos de montaña, dous de terceira categoría e un de segunda, ao remate da etapa, que a propia organización deste evento deportivo define como “un escenario espectacular” e que será retransmitido en directo a 190 países, con picos de audiencia do 18% en España e incluso superiores en Bélxica, Dinamarca e Holanda, polo que ademáis do espectáculo deportivo suporá unha importante acción de promoción turística para a zona e un importante retorno económico, dado o gasto que supón o aloxamento das máis de 1.500 persoas que seguen o percorrido.
Na etapa anterior, de 170 quilómetros, a Volta discorrerá entre Marín e Dumbría, pasando por concellos como Noia e Carnota con final no Mirador do Ézaro, onde xa rematou unha etapa da ronda española de 2012, ofrecendo as imaxes do que é “quizá uno de los sitios más bellos a los que ha llegado la Vuelta en los últimos años”, segundo explica a organización.











