A Deputación de Pontevedra reúnese con representantes do sector empresarial para impulsar o CPAE 2.0
A Deputación de Pontevedra acolleu esta mañá unha reunión con representantes do sector empresarial da provincia para impulsar o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial. Acudiron ao Pazo provincial representantes de AJE Pontevedra, APE Galicia, OPA Galicia, AGTAMAR-UPTA, ATA, AEMPE, Executivas Galicia e AUGA, que valoraron “moi positivamente a posta en marcha de reunións, coma a de hoxe, para afondar na colaboración entre asociacións empresariais e a Deputación de Pontevedra”.
Este encontro cos axentes empresariais da provincia de Pontevedra serviu para dar a coñecer o CPAE 2.0, unha rede formada por seis centros (situados en Lalín, Cambados, Pontevedra, Vigo, Ponteareas e O Porriño), que lle prestan un servizo de información a pemes da provincia de Pontevedra e teñen por obxectivo potenciar o desenvolvemento económico da provincia a través das tecnoloxías, aumentar a produtividade, introducir a innovación, facilitar a implantación do comercio electrónico e impulsar a venda en liña.
Carmela Silva asegurou que, “tal e como estaba configurado, o CPAE 2.0 non respondía á demanda e necesidade das pemes e autónomos da provincia de Pontevedra”. Por iso, co obxectivo de optimizalo e dar resposta ás necesidades das pemes e os autónomos, a Deputación de Pontevedra puxo en marcha este encontro, que serviu para darlles a coñecer o CPAE aos axentes implicados, coa finalidade de que o avalíen e acheguen as súas necesidades para, en palabras de Silva, “sumar sinerxías e crear espazos de diálogo que si respondan a demandas reais que sirvan para poñer en marcha procesos de internacionalización, tan necesarios no mundo globalizado no que vivimos”.
Carmela Silva manifestou que “as administracións deben responder aos retos da sociedade e, hoxe en día, o principal reto ao que nos enfrontamos é crear emprego para impulsar o crecemento económico”. Neste contexto, Silva destacou que “nos seis meses de goberno estamos poñendo en marcha cuestións e medidas de apoio aos emprendedores, aos autónomos e ás pequenas e medianas empresas”. Tamén subliñou que, ademais de optimizar o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial, “estamos impulsando dous espazos de coworking, en Barro-Meis e Lalín, mellorando as bolsas de estudantes universitarios e de formación profesional, e impulsando un plan de actuación turística, que queremos desenvolver coa colaboración dos 62 concellos da provincia, pero tamén co sector empresarial, para conseguir impulsar a provincia de Pontevedra”.











