A Deputación de Pontevedra creará bolsas de emprego con aqueles que aproben as probas selectivas para prazas de interinos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra vai crear bolsas de emprego coas persoas que se presenten e aproben as probas selectivas para a cobertura de prazas de interinos ao igual que se fai noutras administracións públicas, tal e como destacou o deputado provincial Carlos López Font, hoxe, en rolda de prensa.

En concreto, nos próximos días vanse convocar tres prazas: unha para vixilancia, unha para atención telefónica e outra como auxiliar de deseño gráfico. Todos aqueles que superen as probas de selección pero non acaden o posto conformarán unha bolsa de emprego de cara a futuras convocatorias de prazas, subliñou Carlos López Font. Deste xeito, destacou o deputado provincial, non serán necesarias novas probas selectivas cando se volva necesitar cubrir algún dos postos de cada unha das bolsas.

Legalidade, transparencia e igualdade de oportunidades son os tres criterios que o novo goberno da Deputación quere implantar en todos os procesos selectivos, engadiu López Font. O responsable de emprego mostrouse satisfeito pola aceptación que estas propostas tiveron entre os sindicatos presentes na Deputación.

Este sistema, coas novas bolsas, vai ser o seguido para as próximas convocatorias de prazas, das cales López Font anunciou que en breve sairán algunhas máis para cubrir postos no centro Príncipe Felipe.

O deputado provincial, que destacou que “é un cambio radical na xestión dos recursos humanos na Deputación”, animou a todos os veciños e veciñas a presentarse ás probas selectivas que en breve serán convocadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).

26 de xaneiro de 2016 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.