publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra coloca o escudo do concello da Illa de Arousa xunto aos do resto dos 61 concellos da provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Illa de ArousaPontevedra
A-
A+

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde da Illa de Arousa escenificaron hoxe a colocación do escudo deste concello xunto aos dos 61 concellos do resto da provincia que se atopan na escalinata de acceso ao Pazo provincial en Pontevedra.

O escudo do concello da Illa de Arousa era o único que faltaba por poñer xunto aos do resto de concellos na escalinata do Pazo, despois de oito anos de acadar o acordo plenario do municipio para a súa aprobación xunto coa bandeira.

Así o recordou o alcalde, Carlos Iglesias, que sinalou que, tras a segregación do concello de Vilanova e converterse o seu concello no número 62 da provincia de Pontevedra, se aprobou en 2008 o seu escudo e a súa bandeira. Porén, a pesar das demandas recibidas no anterior goberno da Deputación para a colocación do seu escudo xunto ao resto, estas nunca foron atendidas.

“Oito anos despois, e cunha nova presidenta, vemos o noso escudo xunto ao resto, nun acto que pode parecer pouco importante, pero que realmente remata coa discriminación que sufría A Illa de Arousa do anterior presidente da Deputación de Pontevedra”, sinalou Carlos Iglesias.

Pola súa banda, a presidenta, Carmela Silva, recoñeceu que foi unha das primeiras reclamacións do alcalde da Illa tras a súa primeira xuntanza, e “sorprendeume que non se lle dese unha resposta a algo tan sinxelo desde esta casa. Nesta Deputación faltaba un concello que non estaba presente”.

Silva sinalou que o novo goberno da Deputación ten no seu facer “o máximo respecto polos concellos da provincia; e algo tan sinxelo de facer, pero tan importante para a dignidade do concello da Illa, estaba sen facer”.

“O concello -continuou a presidenta- non ten nada que agradecer a esta presidenta nin a esta Deputación, porque era unha obriga, e hoxe estamos cumprindo coa nosa obriga e co dereito que tiña o concello e os veciños e veciñas da Illa”.

Carmela Silva subliñou que agora si, “calquera que suba por estas escaleiras poderá ver a totalidade dos escudos de todos os concellos da provincia e A Illa deixará de ser un concello descoñecido para esta Deputación”.

20 de xaneiro de 2016 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.