A Deputación de Ourense convida aos concellos do espazo metropolitano a participar en ECOU

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Deputación de Ourense invitou aos Concellos do espazo metropolitano de Ourense a participar no acordo pechado onte entre o ente provincial e o Concello de Ourense, para poñer en marcha un plan de desenvolvemento urbano sostible, Estratexia Conecta Ourense (ECOU). Así o confirmou o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, Jorge Pumar, que se reuniu esta mañá no Pazo Provincial cos alcaldes dos concellos do espazo metropolitano.

Tras o encontro, Jorge Pumar destacou que “este proxecto, é unha mostra máis do compromiso de cooperación da Deputación de Ourense na captación de investimentos e proxectos en beneficio dos pequenos concellos, os cales por si mesmos non poderían chegar a eles”.

A estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado de Ourense parte dunha estratexia de ámbito provincial e fixa a súa zona de intervención nos municipios de Ourense e nos da súa área metropolitana, que conforman o que nesta estratexia denominarase Espazo Metropolitano de Ourense: Amoeiro, Barbadás, Coles, O Pereiro de Aguiar, Punxín, San Cibrao das Viñas e Toén. A influencia da cidade de Ourense vai máis aló destes municipios, pero a efectos da Estratexia DUSI considérase oportuno delimitar o ámbito de actuación a estas localidades.

Os municipios que circundan a capital forman unha unidade territorial na que se comparten problemas, desafíos e obxectivos, polo que é preciso desenvolver liñas de actuacións coherentes e centradas no impulso medioambiental, económico e social desta área.

A delimitación da área urbana funcional a efectos da Estratexia definida estableceuse en función dos problemas urbanos que comparten a cidade de Ourense e os concellos que a rodean. Os oito municipios teñen ante sí retos urbanos compartidos cuxa solución pasa por unha actuación conxunta, coordinada e integrada.

As actuacións desenvolveranse en varios puntos destes termos municipais. Trátase de actuar naqueles puntos concretos con potencial para solucionar os problemas identificados, así como naquelas zonas que actúen como vínculos e conexións, tanto entre as diferentes partes da zona de intervención como entre esta e o resto da provincia.

5 de xaneiro de 2016 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.