A Deputacion da Coruña presenta o Plan extraordinario de Servizos Sociais a ADACECO
A deputada responsábel da área de Servizos Sociais, Ánxela Franco, visitou a sede da Asociación do Dano Cerebral da Coruña, ADACECO e presentou o Plan extraordinario de Servizos Sociais que se publicará proximamente.
Coñecer as súas actividades e as súas demandas de primeira man é o obxectivo da deputada nacionalista, Ánxela Franco, que está a desenvolver unha axenda encamiñada a visitar e coñecer as entidades que traballan no ámbito dos Servizos Sociais. Neste mércores, Ánxela Franco achegouse á sede da Asociación do Dano Cerebral Adquirido, ADACECO, na que se desenvolveu unha xuntanza que tiña como fin a posta en común das urxencias da entidade e das novas liñas de traballo da Deputación.
A deputada nacionalista presentoulle á directiva da asociación o Plan extraordinario de Servizos Sociais que se vai publicar en vindeiras datas e ao que poderán concorrer de teren autorización por parte da Xunta para obras de adaptación do centro dirixidas a darlle servizo a un maior número de usuarios e usuarias.
ADACECO atende neste momento perto de cen persoas e está case o límite da súa capacidade por falta de espazo. As dificultades de ampliar o número de persoas beneficiarias dos servizos polas limitacións da sede foi un dos principais temas tratados na xuntanza. Na actualidade, a Deputación da Coruña colabora coa entidade no transporte adaptado a través da convocatoria ordinaria de subvencións.
A entidade foi creada no ano 2000 por persoas afectadas de dano cerebral e as súas familias. Sen ánimo de lucro, ADACECO desenvolve un traballo integral para afectadas e familiares desde a súa sede nas Xubias, na que prestan, entre outros, servizos de fisoterapia, centro de día, transporte adaptado, asesoramento xurídico, logopedia, neurospicoloxía ou actividades de ocio e tempo libre.











