A Deputación da Coruña presenta no programa oficial de Fitur a Ruta dos Faros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Ruta dos Faros é o programa estrela que a Deputación da Coruña leva á Feira Internacional de Turismo (Fitur) que ten lugar do 20 a 24 de xaneiro no IFEMA de Madrid. O deputado da área de Turismo, Xosé Regueira, participará no programa oficial do que está considerado unha das feiras de referencia para o turismo mundial.

Mais de 9.000 empresas de 165 países, 125.000 participantes profesionais, máis de sete mil xornalistas de sesenta países e arredor de cen mil persoas de público son o balance da máis recente edición da Feira Internacional de Turismo que se desenvolve en Madrid do 20 ao 24 de xaneiro. A Deputación da Coruña estará presente neste espazo de referencia do sector turístico coa presentación no programa oficial da ruta “O Camiño dos Faros” que se presentará mañá mércores, 20 de xaneiro, a partir das 11.00 horas no stand de Turgalicia en Fitur (Pavillón 9).

Este acto contará tamén coas intervencións da representante da Asociación Trasnos da Costa da Morte, entidade promotora do proxecto, Sofía Agrafojo e do xornalista Santiago Garrido.

O Camiño dos Faros é unha ruta a pé de 200 quilómetros de distancia que une Malpica con Fisterra pola beiramar. O camiño ten o mar como protagonista e atravesa por todos os faros e principais puntos de interese da Costa da Morte, conectando todas as rutas existentes en oito etapas de camiñata.

Unha provincia en 6 destinos

Ademais, a presencia da Deputación da Coruña en Fitur servirá para promocionar entre os axentes do sector turístico seis xeodestinos de especial interese da provincia como son “Rías Altas: Ferrolterra e Eume”, “Rías Altas: A Coruña e As Mariñas”, “Costa da Morte”, “Terras de Santiago”, “Rías Baixas: Ría de Muros e Noia” e “Rías Baixas: Ría de Arousa”.

Nos encontros profesionais que se desenvolven no marco de Fitur, o deputado Xosé Regueira participará de mércores e venres dunha axenda de contactos con empresas, entidades e revistas profesionais encamiñados a promocionar os distintos destinos turísticos da Coruña. A Deputación participará tamén en distintos actos de presentación de iniciativas turísticas e culturais dos concellos da provincia.

19 de xaneiro de 2016 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.