publicidade hoxe

A Deputación da Coruña investirá en Ames e Negreira 2,6 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAmesNegreira
A-
A+

A Deputación da Coruña investirá en 2016 nos concellos de Ames e Negreira máis de 2,6 millóns de euros a través de plans con “criterios obxectivos”, cuxos investimentos serán decididos e priorizados polos propios municipios. A través do Plan de Obras e Servizos (POS), Plan de Acción Social (PAS) e Plan de Aforro e Investimentos (PAI), Ames recibirá este ano 1.638.336 euros e Negreira 1.005.194.

Así o anunciou esta mañá o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, durante a visita institucional de xornada completa que realizou a ambos municipios e que aproveitou tamén, como ven sendo habitual, para coñecer unha das principais empresas da comarca, a sede central de Feiraco en Ponte Maceira.

González Formoso foi recibido a mediodía no Concello de Ames polo alcalde, José Miñones, e por diversos membros da corporación municipal aos que anunciou investimentos na localidade por importe de máis de 1,6 millóns de euros a través dos programas POS, PAS e PAI.

Ames, que este ano destinará o 100% do POS a investimentos, financiará a través deste programa cuestións como as gradas do campo de fútbol de Milladoiro, o saneamento de Castrigo (Ortoño) e melloras nos camiños da Igrexa, Cruxeiras e na rúa Lodeiro.

Segundo explicou o presidente da Deputación, Ames contará ademáis con 687.108 euros para investimentos a través do novo Plan de Acción Social provincial, 277.000 máis dos que lle corresponderían en plans anteriores como o DTC, tras a decisión do goberno provincial de incrementar o apoio aos pequenos e medianos municipios nas bases dos programas provinciais, en detrimento das grandes cidades, xa que “estes concellos deben ser o obxectivo principal da acción da Deputación”. Esta liña de financiamento servirá para financiar investimentos como parques biosaludables en Bertamiráns e Milladoiro e mellorar a accesibilidade de diversos edificios públicos.

A través do PAI 2016, Ames poderá financiar a subsanación de deficiencias do cemiterio municipal de Batáns, unha obra pendente de rematar dende hai máis de seis anos, á que o concello destinará 332.250 euros dos 447.349 que lle corresponden dentro deste programa.

O alcalde amiense, José Miñones, felicitou ao actual goberno provincial polo criterio de reparto dos fondos provinciais e destacou algunhas das singularidades do municipio, con máis de 30.000 habitantes, como o feito de que conte con dous núcleos urbanos, Bertamiráns e Milladoiro, “o que moitas veces supón duplicar recursos” e que se trata dun “concello xoven” no que naceron máis de 400 nenos en 2015, “o que pode supor certa problemática no ámbito educativo”.

Miñones destacou que o concello xestiona directamente o comedor escolar de máis de 1.100 escolares e que 3.200 rapaces practican deporte nos dous pavillóns cos que conta a localidade. Neste sentido, solicitou o apoio da institución provincial para a substitución da tarima do pavillón de Bertamiráns e para a compra dunha furgoneta isotérmica destinada aos comedores escolares.
Plan de Emprego

A maiores do POS, o PAS e o PAI, González Formoso anunciou na súa visita de hoxe que este ano a Deputación impulsará novos plans destinados á recuperación do patrimonio, apoio a entidades sociais e accións medioambientais dos concellos, así como un Plan de Emprego que multiplicará por seis os recursos que a institución provincial viña destinando a este fin.

A Deputación da Coruña ten actualmente máis de 3,3 millóns de euros consignados nos Orzamentos de 2016 para este plan de emprego, que xa duplican o investimento na materia dos exercicios anteriores, pero pretende achegar outros 3 millóns nos primeiros meses do presente ano para elaborar “un plan de emprego que será transversal a todas as accións” do organismo provincial e que estará dotado con máis de 6 millóns de euros.
Segundo explicou Valentín González, o programa terá tres eixes fundamentais: a axuda ás administracións locais para a contratación de novo persoal, a creación de emprego de carácter social para persoas en risco de exclusión social, parados de longa duración ou con dificultades de inserción sociolaboral e unha novedosa liña de fomento do autoemprego e apoio a pequenos proxectos emprendedores que contribúan a xeración de emprego.

Visita a Feiraco

Acompañado dos alcaldes de Ames e Negreira e dos deputados provinciais responsables das áreas de Economía e Promoción Económica, Antonio Leira e José Luis García, González Formoso visitou tamén a sede central de Feiraco, onde foi recibido polo presidente da compañía, José Montes, polo director xeral, José Luis Antuña e por outros directivos da empresa.

A comitiva realizou un percorrido polas instalacións da que é unha das empresas líderes do sector lácteo galego, con 119 millóns de euros de facturación e 208 traballadores en nómina.

González Formoso escoitou as explicacións dos directivos da compañía, fundada en 1968, acerca do proceso de produción do leite (máis de 125 millóns de litros o ano pasado) que obteñen de 495 centros de produción de 18 concellos das comarcas de Santiago, Ordes e Arzúa.
O presidente da Deputación valorou moi positivamente “o compromiso de Feiraco co medio rural” e a calidade dos seus productos, recoñecidos nalgúns casos con premios europeos. Ademáis, 11 das súas granxas foron as primeiras de Europa en obter o certificado de calidade ISO 22000.

Negreira

Xa pola tarde, o presidente da Deputación visitou o veciño concello de Negreira, onde a Deputación investirá este ano 1 millón de euros a través dos seus plans de investimento, que contribuirán a mellorar infraestruturas municipais en lugares como Negreiroa, Marcelle, Landeira ou Abeanca.
O alcalde da localidade, Jorge Tuñas, interesouse polo proxecto para a construción de sendas peonís en estradas provinciais polas que discorre o Camiño de Santiago que mellorarían a seguridade dos viandantes, entre as que se atopa a estrada DP 5603 de Negreira a Marco de Cornado.

González Formoso e Jorge Tuñas reuníronse tamén esta tarde con representantes de catro asociacións veciñais do municipio para tratar a posible ampliación da estrada DP 5602 Negreira- Ponte Nafonso a partir do punto quilométrico 6,360. Unha vella reivindicación da veciñanza tras a primeira fase do proxecto, acometida polo anterior goberno socialista da Deputación durante os ano 2008-2010.

O presidente anunciou ademáis que o goberno leverá próximamente ao pleno provincial a aprobación das obras de mellora das rúas Nelson Mandela e Vilachín, por importe de 140.000 euros.

27 de xaneiro de 2016 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.