A Deputación da Coruña contribúe á reforma do centro de día de ASPABER
A Deputación da Coruña contribúe con 100.000 euros á reforma e adaptación do edificio do centro de día de ASPABER, Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños. A deputada de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade, a nacionalista Ánxela Franco, asinou o convenio de colaboración co Presidente de ASPABER, Francisco Costa Varela.
Un 40% do financiamento das obras para a reforma e adaptación do edificio do centro de día ASPABER provirán da Deputación da Coruña que compromete a achega de 100.000 euros do total dos 249.846.26 euros nos que está orzamentado o proxecto, segundo o convenio asinado este xoves 7 de xaneiro. No acto estivo tamén presente o deputado e portavoz do grupo nacionalista, Xosé Regueira e a directora xerente de ASPABER, Dolores Fernández.
A deputada Ánxela Franco recoñeceu no acto de sinatura o papel que desenvolve ASPABER para dotar ás persoas con capacidades especiais e as súas familias de cara a integración social. O edificio que se reformará e adaptará co apoio da Deputación destínase á atención especial diurna e de apoio ás familias. O servizo contempla distintas áreas de intervención, desde a valoración, elaboración e seguimento do Plan de Desenvolvemento Individualizado (PDI), até a área de rehabilitación para a estimulación e aumento das capacidades e prevención do deterioro pasando pola de asistencia ás actividades básicas da vida cotiá que buscan o nivel máximo de autonomía funcional nas distintas rutinas diarias desde actividades como vestido, alimentación ou mobilidade así como outras insturmentais que incluirían tarefas domésticas, preparación de comidas ou integración na comunidade.
A asociación, que cumprirá neste ano catro décadas de existencia, xestiona ademais do centro de día, un centro ocupacional e un centro residencial. A entidade conta tamén cun centro especial de emprego desde o que se traballa en liñas como reparación de produtos plásticos, xestión de puntos limpos, limpezas, xardinería, carpintería, escaiola, manipulados corporativos… Ofrece ademais un amplo abano de servizos como fisioterapia, atención psicolóxica, logopedia, comedor ou servizo de transporte adaptado.











