A Deputación da Coruña colabora nas actividades da Real Academia Galega de Belas Artes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña colabora no desenvolvemento do programa de actividades da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario. A vicepresidenta da Deputación e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Manuel Quintana Martelo, asinaron un convenio para a colaboración na actividade de estudo e promoción das artes e do patrimonio cultural galego.

A Deputación achega un total de 18.000 € á entidade presidida polo artista Manuel Quintana Martelo que está composta por profesionais e especialistas do mundo da arte, en seccións de Pintura, Gravado, Arquitectura, Arqueoloxía e Museoloxía.

Na xuntanza, a vicepresidenta Goretti Sanmartín anunciou unha próxima visita á sede da Real Academia Galega de Belas Artes e defendeu as novas liñas de relación coas entidades culturais que priman as liñas de subvención en concorrencia competitiva fronte ás nominativas máis discrecionais. Neste sentido, Goretti Sanmartín deu conta da próxima publicación dunha convocatoria específica para fundacións e entidades de especial interese á que se poderán acoller os proxectos da Real Academia Galega de Belas Artes. Ademais do presidente, Manuel Quintana Martelo, á xuntanza asistiu Miguel Fernández Cid, membro da directiva da Academia.

19 de xaneiro de 2016 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.