A Deputacion da Coruña colabora nas actividades da Fundación Gonzalo Torrente Ballester
A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei realizou unha visita institucional á sede da Fundación Gonzalo Torrente Ballester na que asinou o convenio de colaboración coa entidade.
Acompañada do Director Xerente da Fundación Gonzalo Torrente Ballester, Miguel Fernández Cid, a vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei, realizou na mañá deste 26 de xaneiro unha visita institucional á sede da entidade na compostelana Rúa do Vilar para coñecer de primeira man o plan de traballo, obxectivos e temas de interese no funcionamento da entidade coa que a Deputación colabora desde a súa fundación.
Goretti Sanmartín visitou as distintas dependencias do edificio situado na Rúa do Vilar, deténdose nas plantas nas que se atesoura o legado de Torrente e nas exposicións de Ignacio Basallo e Manuel Quintana Martelo que a Fundación ten abertas neste momento, nas que se desenvolveu tamén un encontro cos artistas.
A responsábel da área de Cultura aproveitou a visita para asinar, canda o Director Xerente da Fundación, o convenio polo que a Deputación colabora no programa de actividades da entidade, en especial, á liña que se abriu coa dixitalización e a exposición do arquivo fotográfico de Gonzalo Torrente Ballester. A Deputación achega, con este fin, 16.517 € que contribúen á difusión e coñecemento da faceta descoñecida de fotógrafo do escritor.
Goretti Sanmartín informou ademais da nova liña de subvencións en concorrencia competitiva a través da que, en diante, se xestionará a colaboración da Deputación con fundacións e entidades que, como a Torrente Ballester, desenvolven actividade de interese cultural na Coruña. “A liña que se presentará proximamente dirixirase apoio a entidades nunha convocatoria aberta, no camiño de reducir as subvencións nominativas que defendemos”, sinalou.
Pola súa parte, o Director Xerente, Miguel Fernández Cid, agradeceu o “interese real” mostrado coa visita e destacou que “no coñecemento directo concrétanse tamén posíbeis colaboracións”. En canto á nova liña de apoios anunciada por Goretti Sanmartín, valorou “a claridade á hora de realizar os apoios públicos”.











