A Coruña condena os asasinatos machistas perpetrados en Madrid e Guadalaxara
O Concello da Coruña quere amosar a súa condena ante os dous últimos crimes machistas perpetrados en Madrid e na localidade de Galápagos (Guadalaxara), así como envía as súas condolencias a familiares e amizades das vítimas. Do mesmo xeito, en cumprimento do protocolo aprobado por unanimidade dos grupos municipais no Pleno do pasado setembro, convoca á Corporación Municipal e aos e ás traballadoras a concentrarse o vindeiro xoves, 07 de xaneiro, ás 12.00 horas, ás portas do Pazo de María Pita ou dos centros de traballo municipais para gardar un minuto de silencio.
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, insiste na importancia de que este 2016 se revise a lexislación vixente en relación coas violencias machistas. “Comezamos o ano con tres asasinatos machistas, xa que a violencia non entende de datas”, indicou a responsable municipal. “Temos que seguir reclamando que este tema se considere un asunto de Estado, e que as administracións con competencias na materia se comprometan de verdade coa prevención e coa protección das mulleres, así como as súas nenas e nenos, moitas veces usadas como ferramenta de chantaxe, como aconteceu no recente caso de Alacante ou coas nenas de Moraña en 2015. Insistimos na esixencia de revisión da lexislación vixente para que se axuste as necesidades reais”, indicou.











