A concelleira de Medio Ambiente salienta o bo resultado da campaña de reforzo na recollida de residuos do Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A concelleira de Medio Ambiente, María García, valorou este martes de xeito moi positivo a campaña informativa e de reforzo na recollida de residuos que o Goberno municipal desenvolveu durante o Nadal e que tiña no foco os establecementos hostaleiros da zona centro e os negocios deste e outros núcleos comerciais da cidade, como son a zona da Falperra, Ángel Senra, A Cubela ou a rúa Barcelona. Tal e como sinalou, a intensificación na recollida do papel e cartón comercial –fíxose de forma diaria, a excepción dos festivos–, que se realizaba por vez primeira e que se levou a cabo entre os días 18 de decembro e 9 de xaneiro, pechouse con 4 toneladas destes materiais recollidas, o que supón un 27% que as cifras habituais nesas datas. Pola súa parte, o servizo de recollida de residuos orgánicos e inorgánicos procedentes da hostalería, que se viu duplicado entre o 18 de decembro e o 5 de xaneiro, tivo como resultado un volume de 64,4 toneladas de lixo.

Este reforzo e mellora viuse completado coa posta en marcha dunha campaña informativa previa nos negocios, no curso da cal visitáronse 812 establecementos comerciais (415 no centro e 397 noutros puntos da cidade) e 215 locais hostaleiros, unha acción que, segundo avaliou a responsable municipal, tivo “unha excelente acollida” na súa primeira edición. “Estes dous colectivos teñen unha especial relevancia á hora de mellorar a xestión de residuos urbanos, e as medidas que se impulsen desde o Concello teñen que facerse coa colaboración e participación dos mesmos”, sinalou a responsable municipal, que cualificou a experiencia deste Nadal como un “punto de partida” que abre unha liña de colaboración para deseñar plans de acción específicos dirixidos a unha mellor xestión do lixo. Neste sentido, García valorou como especialmente relevante a implicación dos negocios participantes neste proceso, no que se fixo unha labor de información e de boas prácticas, a cargo de persoal especializado en educación ambiental e xestión de residuos, en cada un dos negocios, para despois chegar a unha primeira diagnose das necesidades dos dous sectores. Este tipo de accións de sensibilización, engadiu a concelleira, volveranse realizar nas zonas comerciais, dada a boa acollida e a utilidade da información recompilada, A edil de Medio Ambiente puxo tamén de relevo algunhas da suxestións dos e das traballadoras, que entre outras cuestións contribuíron ao redeseño dos puntos de acopio de papel e cartón da zona centro, ou a petición do sector da hostalería para que o Concello estimule e premie as boas prácticas neste ámbito.

19 de xaneiro de 2016 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.