A chuvia deixa en Santiago en dúas semanas o 30% da auga caída en todo 2015
O pluviómetro manual da estación meteorolóxica do Observatorio Ramón María Aller da Universidade de Santiago (USC) recolleu 365,2 litros por metro cadrado de chuvia nos primeiros 14 días de xaneiro, unha cifra que supón o 27,8 por cento do total de precipitacións recollidas ao longo de todo o ano 2015.
Así o fixo público este xoves o director do Observatorio Astronómico, José Ángel Docobo, quen precisou que, tras revisar os rexistros dos últimos 30 anos, esta cifra representa unha “marca de precipitacións”.
De feito, o volume de precipitacións máis próximo a esta cantidade foi o recollido a inicios de 2014, con 306 litros por metro cadrado; ou os 298,1 litros por metro cadrado de 2001.
Durante o mes de xaneiro en Santiago choveu todos os días, con especial intensidade o día 7 -88,6 litros por metro cadrado- e a noite deste mércores -50 litros por metro cadrado-.











