A Casa da Cultura de Bertamiráns contará con novo equipamento audiovisual
A Casa da Cultura de Bertamiráns vén de recibir unha partida de material audiovisual, para equiparar os servizos que o seu auditorio pode ofrecer aos do Milladoiro. A estrutura da propia Casa será ademais saneada: repararanse a fachada e a cheminea.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destacou a necesidade de “tomarse en serio” o mantemento e recuperación das infraestruturas culturais do Concello de Ames como “primeiro paso” para ofrecer unha programación cultural de calidade.
Dende a Concellaría de Educación destacan que a Casa da Cultura de Bertamiráns, construída hai preto de 20 anos, require actualmente unha serie de intervencións na súa estrutura, de ampliación de equipamentos e de dotación de novos espazos para os usuarios. Para cumprir con este obxectivo o goberno municipal incorporou, no Plan de Acción Social da Deputación da Coruña, as xa citadas reformas da fachada, da cheminea de calefacción e da cuberta de edificio, entre as actuacións de reparación previstas para o ano 2016.
O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns ampliou o seu equipamento audiovisual, incorporando altofalantes, micrófonos e monitores de esceario. Os 4.204,75 euros destinados ao material foron subvencionados na súa totalidade pola Deputación da Coruña. A empresa local Tesec Santiago SL, con sede no Parque Empresarial Novo Milladoiro, foi a encargada de proporcionar o equipamento. Deste xeito, da mesma forma que no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, poderase enviar sinal de audio e micrófonos desde o escenario até a cabina de control de son, cos correspondentes retornos. A imposibilidade de facelo anteriormente limitaba a realización de determinados eventos.











