A carpa informativa sobre a compostaxe comunitaria estará en Celso Emilio Ferreiro este mércores
A Concellería de Medio Ambiente do Concello instalará durante a xornada de mañá no parque de Celso Emilio Ferreiro unha carpa para celebrar as reunións informativas sobre o plan de compostaxe comunitaria que o Concello pretende implantar nesta zona como experiencia pioneira no medio urbano. O edil de Medio Ambiente, Lino Mouriño, anima a todos os veciños do barrio e rúas adxacentes a asistir ás sesións informativas que se celebrarán ás once da mañá e ás cinco da tarde no mesmo parque.
A posta en marcha deste plan para introducir no ámbito urbano o sistema de reciclado de residuos orgánicos para elaborar compost é unha iniciativa promovida pola Deputación Provincial a través do denominado Plan Revitaliza, no que a Concelleríad e Medio Ambiente colabora xa que promover a implantación de sistemas alternativos e respectuosos co medio ambiente para o reciclado e xestión de residuos é un dos obxectivos programáticos do goberno socialista.
A elección dos barrios do Piñeiriño e Celso Emilio Ferreiro para esta experiencia pioneira no ámbito urbano adoptouse tras comprobar que reunían as condicións idóneas en canto a contar cun parque no que instalar os composteiros comunitarios que serán utilizados polos veciños, e tratarse de zonas cunha elevada concentración de residentes, co que ademais de favorecer a participación dun número elevado de persoas, tamén facilita as labores de información e promoción do programa.
Os centros comunitarios de compostaxe terán capacidade para tratar os residuos orgánicos biodegradables producidos entre 60 e 300 veciños de cada zona. A través deste proceso, os residuos orgánicos utilízanse como materia prima para a obtención dun abono ecolóxico denominado compost.
Nas reunións de mañá, persoal de Medio Ambiente informará aos veciños o proceso da elaboración do abono natural denominado compost utilizando como materia prima os residuos orgánicos que xeneramos na casa. Trátase dun procedemento moi sinxelo que non reporta traballo algún para os participantes e que, pola contra, aporta moitos beneficios, tanto económicos como medioambientais que tamén serán expostos nas reunións.
A carpa de Medio Ambiente trasladarase o xoves ao parque do Piñeiriño para realizar dúas sesións similares e invitar aos veciños a tomar parte na experiencia que converterá aos barrios do Piñeiriño e Celso Emilio no modelo a seguir polo resto no municipio.











