A Asociación Animalista Libera recolle 8.000 firmas contra os circos de animais na Coruña
A Asociación Animalista Libera recolleu até a data 8.358 firmas “para reclamar que A Coruña se declare ‘municipio libre de circos con animais’ do mesmo xeito que outras 31 localidades galegas e decenas de cidades en todo o Estado español”, sinala nun comunicado.
Os animalistas iniciaron esta campaña cidadá tras a instalación dun espectáculo destas características no barrio de O Ventorrillo, “onde o circo conta cun tigre, unha especie que debería estar a ser protexida no seu hábitat natural, non recluída no tráiler dun camión”, apuntan.
Desde a Asociación sosteñen tamén que esta empresa circense mantén “números” con animais domésticos, o que para Libera “só demostra a mediocridade desta clase de actividade”.
Neste sentido o colectivo contrapón esta situación co “gran éxito da visita do Circo do Sol, que logrou unhas impresionantes cifras de asistencia, con máis de 40.000 persoas”, no mes de decembro.











